O BNG pide a Xunta que cumpra a lei e se implique para salvar o Centro Galego de Bos Aires, institución centenaria referente cultural e social da emigración galega que, tras un proceso marcado polo escurantismo, está desmantelado e corre o risco de ser malvendido ante a indiferenza do Goberno de Feixóo.
A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu na Cámara unha proposta de rescate con tres puntos.
En primeiro lugar, poñer en marcha un plan de viabilidade que volva incluír o centro como entidade integrada en OSPAÑA, a vía para preservar a atención médica aos socios e socias e, ao mesmo tempo, se pida a implicación do goberno arxentino para reestruturar unha débeda que se disparou precisamente tras a intervención do executivo de Mauricio Macri.
En segundo lugar, adoptar as medidas necesarias en base a Lei de patrimonio cultural e a Lei de galeguidade para salvagardar o patrimonio artístico, documental, bibliográfico e editorial da institución. Por último, declarar sitio histórico a habitación 202 do centro onde Alfonso Daniel Rodríguez Castelao permaneceu internado até o seu pasamento en 1950.
“É unha obriga moral e legal actuar, é urxente que a Xunta asuma as súas responsabilidades para evitar unha perda que sería irreparable, tanto desde o punto de vista da asistencia social e sanitaria como do inxente patrimonio cultural da emigración galega exiliada polo Franquismo”, alegou Pontón.
A dirixente do Bloque explicou que o abandono do Goberno do PP non é a única causa detrás da situación do centro, pero foi decisiva para propiciar o seu desmantelamento.
Así, lembrou como en 2011 o Executivo de Feixóo liquidou a Fundación Galiza Saúde, que actuaba como sostén da institución, “provocando a asfixia” da entidade despois de que o candidato afín ao presidente da Xunta perdese as eleccións a presidir a centenaria institución. “Non creo nas casualidades”, sentenciou Pontón.
En paralelo, o centro galego foi expulsado de OSPAÑA (Obra Social de Españois en Arxentina) sostén á hora de prestar atención sanitaria. “Todo isto nun proceso sen aclarar e marcado polo escurantismo onde hai 3 responsábeis directos: Alejandro López Dobarro, ex-delegado da Xunta en Arxentina; Santiago Camba, ex-secretario de Emigración e delegado do Xunta en Arxentina e Antonio Rodríguez Miranda, actual secretario xeral de emigración”, denunciou a líder do Bloque.
Por último, a intervención nefasta do Goberno arxentino, colocando un interventor que multiplicou exponencialmente a débeda, -de 60 a 1.700 millóns de pesos-, e facilitou a descapitalización e desmantelamento do hospital. “Máis que un interventor foi un liquidador cuxo labor é vender o centro”, sintetizou Pontón.
“Con votade política é posible reflotar o Centro Galego de Bos Aires e poñer transparencia onde hai escuridade, paralizar a venda do hospital dirixíndose ás autoridades arxentina, preservar o patrimonio artístico e cultural da emigración galega e buscar solucións de futuro”, sintetizou Pontón. Nesa dirección ían as propostas do BNG, todas vetados polo PP.