O deputado do BNG, Néstor Rego, reclama ao Estado que rectifique e recorra a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña sobre a indemnización á familia Franco despois de teren obtido o inmóbel “a través do roubo e o espolio ao pobo galego”. Os bens deben ser devoltos, mais non pode aceptarse ningún pagamento aos herdeiros do ditador.
Bloque Nacionalista Galego xa rexistrara no Congreso, na terza feira, unha iniciativa que instaba o Goberno do Estado a recorrer a sentenza ditada pola Audiencia Provincial. Tras coñecer que o Estado non recorrerá e aceptará indemnizar a familia Franco, o deputado Néstor Rego reclama ao Goberno que rectifique para que “se faga xustiza cos bens espoliados polo franquismo”.
Como recoñece a propia sentenza, todos os bens adquiridos pola familia Franco en Meirás durante a ditadura, foron obtidos de modo fraudulento e legalizados a través dunha venta simulada. “É unha sentenza vergoñenta. Resulta indignante que se lles aplique a presunción de que a súa posesión fose “de boa fe” e que descoñecesen a procedencia dos bens. É evidente que coñecían a procedencia ilícita dese patrimonio, así como a simulación do contrato que permitiu a inscrición do título de propiedade e toda a historia de espolios que están detrás destes bens, despois de que durante décadas diferentes organizacións sociais e políticas reclamásemos a devolución dos bens e denunciasen a ilegalidade da súa posesión” enfatiza Rego.
Néstor Rego considera unha burla que se indemnice agora aos herdeiros do ditador. “Non se pode permitir que o pobo galego volte a pagar o Pazo de Meirás. Hai que reclamar unha rectificación por parte do Estado. Esta sentenza ten que ser recorrida” afirma o deputado do BNG no Congreso. “Non podemos permitir, como sociedade, que estes feitos fiquen impunes. Hai que actuar baixo os parámetros de verdade, xustiza e reparación” subliña Néstor Rego.