A deputada do BNG, Carmela González cualificou de “baleira e insuficiente” a nova Lei de Artesanía do Partido popular e considerou que non responde as demandas do colectivo nin a súa regulación e indicou que tampouco considera esta actividade como un “ben patrimonial e cultural.
Tras amosar a intención do BNG de votar en contra do texto , explicou que actual lei de artesanía de Galiza remontase ao ano 1992 de aí, recalcou necesidade de poñer en marcha unha norma para regular a actividade empresarial, comercial pero tamén, dixo, “cultural e patrimonial”, pero 31 anos despois, lamentou, estamos ante unha lei do Partido popular, “baleira de contidos”.
A lei non recolle a artesanía como patrimonio da cultura e reduce o texto a “trece míseros artigos” que non abordan na súa totalidade a súa regulación. Unha actividade, defendeu Carmela González que “ao igual que a música, o teatro, ou a lingua forman a nosa identidade”.
Dende o BNG, indicou a nacionalista, tentamos acadar un texto que respondera ás actuais necesidades e garantira o seu futuro e por iso presentamos vinte emendas ao articulado para mellorar unha lei que consideramos “ insuficiente” pero o Partido popular do “non” non aceptou ningunha das emendas, agás aquelas relativas a erros de formulación ou lexislación.
Durante a redacción da lei, reprobou a nacionalista, o Partido popular non escoitou ao sector nin aceptou as súas achegas. Por outra parte a Fundación Artesanía de Galiza envía información puntual ás persoas artesán sobre axudas, convocatorias, feiras e xornadas pero nesta ocasión, o Partido popular non a tivo en conta para a redacción da lei e a tramitación, ao contrario, “en ningún momento recibiron ningún tipo de información”. Resulta moi “chamativo”, que o organismo principal da artesanía no noso país non fora chamado para participar na nova lei. A xuízo da deputada, a “intención era clara” ocultar o contido da lei para evitar o seu rexeitamento. Por outro lado, tamén criticou que no prazo de consulta pública, o texto non recibira ningún tipo de achega o que evidencia, na súa opinión, unha nova “ocultación” por parte do Partido popular.
A deputada lembrou que o 22 de xaneiro do ano 2011 foi asinada en París a Carta Internacional de Artesanía coa sinatura da Xunta, un documento que define a artesanía como forma para configurar a identidade dun pobo coas súas tradicións, coñecementos e marcas distintivas que as fan recoñecibles e “únicas”. As creacións da artesanía deben considerarse formas de cultura e obras artísticas tradicionais como “arte dos pobos” e testemuña de creatividade que debe ser transmitida ás xeracións futuras.
Sen embargo, esta definición “non concorda” coa lei do Partido popular e é a principal razón seu rexeitamento do texto nun amplo sector. Este norma pretende incluír como artesanía calquera produción de maneira indiscriminada e non diferenciar entre labores artesanais dos que non o son. Nesta liña, dende o BNG presentamos unha emenda para acoutar as diferentes producións de carácter económico patrimonial mediante sistemas de manufactura con intervención persoal do artesán no proceso e acabado contraria á “produción industrial” e en grandes series”. O Partido popular, indicou a deputada, negouse a aceptar a nosa emenda para diferenciar ambos procesos.
A deputada do BNG reiterou que o texto do PP “non recolle” a artesanía como “un ben patrimonial e cultural de Galiza” e esa é “a nosa principal oposición a esta lei”. Carmela González asegurou que o Partido popular perdeu “unha grande oportunidade” para colocar a artesanía galega no lugar que lle corresponde porque a intención da Xunta é aumentar o número de artesáns aínda que a contrapartida sexa “cargarnos a artesanía galega”.
Carmela González recalcou que “non estamos a falar de cantidade senón de cualidade para que Galiza conte cunha artesanía propia que nos sitúe no mundo”.
Esta lei que se vai aprobar hoxe abrirá á artesanía a actividades que non están consideradas como tal porque utilizan sistemas mecánicos que desvirtúan a actividade artesán. A nacionalista concluíu apostando por medidas de apoio ás empresas galegas e insistiu en que o PP rexeitou un calendario anual de feiras, instaurar unha feira internacional de artesanía en Galiza, cumprir a lexislación en materia de igualdade e loitar contra as artesanías que desvalorizan e desprestixian o noso patrimonio porque “máis artesán non é igual a máis prestixio”, e o prestixio subliñou gánase con calidade e identidade. Imos votar en contra, dixo, porque respectamos ao colectivo de persoas artesáns e a lei do Partido popular non o fai.