Parlamento Galego

O BNG critica que a Xunta utilice estudantes de enfermería para cribados da COVID19 como persoal laboral

Iria Carreira
Iria Carreira
Iria Carreira salienta que cambian as prácticas na UCI, nunha unidade de reanimación, hospitalización psiquiátrica ou quirófano “para picar dedos” e preguntou como serán compensadas por este período formativo “perdido”

A deputada do BNG, Iria Carreira criticou hoxe, a través dunha pregunta parlamentaria na comisión de sanidade, que a Xunta utilice estudantes de enfermería para cribados da COVID-19 “como persoal laboral. Neste sentido, explicou que mentres os e as estudantes poderían aprender cales son os coidados dun tubo endotraqueal ou dun catéter de hemodiálise, están “picando dedos”. Para a parlamentaria do BNG, en vez de formarse en atención comunitaria o seguimento de pacientes crónicos, o único que ven son “as falanxes distais dos seus compañeiros” nos campus das tres universidades galegas.

Na súa intervención, a nacionalista preguntou como foi supervisado  este traballo e como serán compensadas por tarefas  que conlevan un importante risco nos cribados de persoas asintomáticas e colocan ás estudantes “na primeira liña”.

Os cribados, explicou Carreira, foron impulsados desde a Xunta de Galiza pola alta preocupación acerca de se a mocidade era o foco de contaxios, e realizáronse mediante tests rápidos de dobre banda facilitados desde o propio Sergas, a pesar de que o material de protección necesario para o persoal que realizou esas probas, así como o acondicionamento dos espazos, correu a conta das Universidades.

As propias afectadas, asegurou a deputada considéranse “man barata” de  tarefas que deberían facer “enfermeiras tituladas que están na casa agardando ser chamadas para traballar”. As estudantes de enfermería, engadiu a deputada, serán compensadas cunha convalidación por horas de prácticas, criterio formativo que a parlamentaria do BNG  cuestionou e cualificou  de “perdido”. Iría Carreira estendeu esta circunstancia  ao papel do persoal na asistencia sanitaria ben como estudantes en prácticas en calquera titulación ou en  en formación sanitaria coñecidas como “residentes” en calquera categoría profesional, MIR,PIR, FIR, persoal que en moitas ocasións,  son utilizadas para suplir as carencias das plantillas porque  “sae máis barato un estudante de enfermería que unha persoa interina ou con praza”, vía OPE.

A deputada fixo un recoñecemento da capacidade dos e das estudantes de último ano. Calquera de nós, explicou, podemos picar un dedo e agardar que saia unha pinga de sangue, poñela nun plástico e agardar que saía as dúas bandas para interpretalas e dende o BNG non cuestionamos esta tarefa o que poñemos enriba da mesa é que as estudantes  teñen que facer  prácticas regradas. “Debemos primar a súa formación do plan de estudos”.

Estudantado acusado inxustamente de propagar o virus

A parlamentaria do BNG pediu facer unha reflexión sobre a incidencia e propagación do virus entre o estudantado xa que os resultados tras as probas “son irrisorios”, de 11.773 tests feitos en Compostela, a positividade alcanzou 0.8% polo tanto, afirmou, “a culpa da expansión da COVID non era das estudantes” e quizais cumpriría, dixo, “unha desculpa” tras poñer á opinión pública na súa contra.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG