A deputada do BNG, María Albert preguntou ao goberno polo proxecto do polígono agroforestal de Mandelos, en Crecente, Pontevedra, vinculado á Lei de Recuperación Agraria. A parlamentaria criticou á Consellería de Medio Rural por anunciar un polígono vinculado á Lei de Recuperación Agraria que en realidade é “superficie vitivinícola” para beneficiar a “Tempos Vega Sicilia”.
Na actualidade, dixo, Albert existen propietarios das terras afectadas polo polígono que serán obrigados a mudar de cultivos ante as modificacións previstas. Cando as cousas están ben feitas para beneficiar á cidadanía, conlevan “información transparente” e con tempo suficiente para que os propietarios e propietarias podan incidir no desenvolvemento de Crecente, argumentou.
No mes de outubro de 2021,explicou a deputada, a Consellería de Medio Rural e o Concello de Crecente presentaron publicamente o proxecto do polígono agroforestal que abrangue terras de Mandelos na parroquia de Vilar, e Os Fernández, na parroquia de Crecente.
A previsión é que o polígono agroforestal abranga unha extensión de 45ha. distribuídas en 391 parcelas de 183 propietarios cun proxecto dirixido ao cultivo de viñedo para dar servizo á denominación de orixe Rías Baixas.
Tal e como marca a Lei de Recuperación de Terra Agraria, a iniciativa sairá adiante se cando menos o 70% da superficie proxectada é adherida polos seus propietarios ao polígono. Na extensión resultante do proxecto realizarase unha reestruturación do terreo a xeito de concentración parcelaria en parcelas dunhas 3ha.
A nacionalista trasladou á Directora xeral de Desenvolvemento Rural (AGADER), Inés Santé Rivera, as sospeitas da veciñanza sobre unha posible “negociación” previa con propietarios e propietarias co fin de contar coa superficie suficiente, antes de ser presentado o proxecto e deixando sen capacidade de decisión sobre as súas terras a unha gran parte de propietarios, ademais de marcar “unha folla de antemán” pola administración.
Outro problema que preocupa a veciñanza, dixo, está relacionado coa futura contaminación por sulfatos, abonos... filtradas á terra e que continuarán o seu camiño natural dirixíndose cara o río.
Na actualidade existen en Crecente varias adegas: “Notas frutales de Albariño” con 13ha.; “Pazo do Mar” con 18ha.; “Valtea” con 25ha.; “Morgadío” con 40ha. Existen tamén, ademais destas adegas, grandes plantacións de colleiteiros e múltiples fincas adicadas a este cultivo.
Paralelamente, nos últimos tempos, temos asistido ao anuncio por parte do grupo bodegueiro “Tempos Vega Sicilia”, un dos grandes grupos do sector no Estado, “do seu desembarco no concello de Crecente que se converterá na sede da sexta bodega do grupo ‘Deiva’.”
Neste sentido, a deputada preguntou á responsable de AGADER se foi esta entidade ou unha empresa subrogada a encargada de determinar o perímetro do polígono e se a Consellería de Medio Rural é coñecedora dos intereses de “Tempos Vega Sicilia” para acaparar gran parte dos terreos.
Tras a resposta da Directora Xeral de AGADER, María Albert criticou que a adega “Tempos Vega Sicilia” non cumpra algúns dos requisitos da lei de recuperación de terras sen embargo, non será penalizada “porque xa está asentada no territorio”.
No mapa publicado pola Xunta sobre zonas preferentes de produción, non aparece Crecente, aínda que pode ser declarada zona preferente si existe o acordo do 70% de propietarios pero neste caso non cumpre os requisitos xa que só existe o acordo do “65% dos propietarios da superficie”. Neste momento, e despois de cinco meses aínda non chegaron ao 70% pero xa contan vostedes co 29% de propietarios sen localizar para formalizar o proxecto, ironizou.
Albert criticou que Santé Rivera se amparara en que ningún propietario asinara en contra, e replicou que de telo feito, non recibirían ningunha resposta por parte da consellería como constatan algunhas das cartas que a deputada asinou na comisión de Agricultura.