O viceportavoz do BNG, Luís Bará, criticou hoxe a “parálise” do PP para constituír o novo goberno tras dous meses de eleccións, unha situación de “stand by” que explica que moitos cargos do actual Executivo non se pronuncien non encontros con diversos sectores porque descoñecen se continuarán ou non ocupando o seu actual posto.
“Quen se mova, non sae na foto”, sintetizou para a continuación cualificar de “vaudeville” a voda do alcalde de Madrid, pola que o candidato á Presidencia, Alfonso Rueda, agardou esta semana para recibir indicacións dende Madrid desprazándome para participar no comité executivo do PP e “pedir permiso para organizar o novo goberno galego” porque “está teledirixido e foi ao comité a recibir ordes”.
Para o nacionalista, “este novo-vello goberno responde a unha operación de maquillaxe coa intención de facer pasar por algo novo o que será unha repetición con cambios de carteiras e poucos de persoas e tapar así o “estrepitoso fracaso” das políticas do Partido Popular en Medio Rural, un dos departamentos na picota, Medio Ambiente, tamén moi cuestionado, vivenda, educación, sanidade, e mobilidade e transporte.
Segundo dixo, “Rueda está en plena fuxida cara adiante” e “pisando o acelerador a fondo” nun plan que xa defendía o seu antecesor, Alberto Núñez Feijóo, centrado na privatización da Xunta de Galiza coa “total subordinación do goberno galego aos intereses económicos das empresas relacionadas cos sectores enerxéticos, pasteiros, mineiros” e que condicionan a política pero tamén a propia estrutura do goberno.
Neste sentido, o deputado do BNG acusou á conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, de apoiar a sociedade Impulsa participada por grandes empresas privadas como Recursos de Galiza, ENCE e, no ámbito enerxético, a gran “coalición do goberno galego con Iberdrola, Naturgy, Endesa ou Greenalia”. Asemade, salientou a alianza do PP coas empresas privadas do sector forestal con tres grandes pasteiras como ENCE, NAVIGATOR E ALTRI, estas dúas últimas, de orixe portugués e cun “desembarco masivo no noso País”.
Toda esta conivencia conduce a unha operación de “saqueo” dos recursos naturais de Galiza e un ataque contra os intereses estratéxicos da economía galega e que afecta gravemente ás PEMES, indicou.
Como mostra, dixo, estamos ante o proxecto de Altri que a estas alturas leva demostrado que é “unha grande estafa e engano”, que non ten nada que ver co proxecto orixinal e resultou evidente que o das fibras téxtiles “era un gancho” cando en realidade Altri non conta con experiencia nin tecnoloxía para fabricar fibras téxtiles e a súa verdadeira actividade é facer celulosa para a exportación.
Bará denunciou o “trato de favor” da Xunta co proxecto de Altri e “regado con 250 M€ de euros públicos” co obxectivo de “favorecer este proxecto o PP mesmo modificou dúas leis”.
Tras cualificar o proxecto de “autentica puñalada no corazón de Galiza”, o deputado anunciou que o BNG proporá destinar eses 250 millóns de euros a proxectos que realmente revitalicen a comarca Arzúa-Ulloa e Terra de Melide. Un plan para a recuperación integral do río Ulla e a rexeneración da Ría de Arousa.
Finalmente, sinalou que entre as propostas do Bloque tamén figura un plan de desenvolvemento das cadeas de valor do monte e da industria forestal da madeira para xerar emprego e desenvolvemento do rural cun modelo contrario “ao monocultivo do eucalipto” imposto polo Partido Popular.