A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a deputada do BNG, Carmela González criticou a lentitude da Consellería de Economía na convocatoria e abonos das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos.
A deputada explicou que as subvencións teñen como obxectivo contribuír a construír un sector comercial máis competitivo e dinámico, pero foron “convocadas tarde” e despois de meses concedidas comezaron hoxe a pagarse. Foron convocadas o 28 de xullo e 10 de agosto cando tiñan que ser convocadas no mes de xaneiro para desenvolver as actividades en prazo e xustificar os gastos no mes de outubro, pero foi precisamente o día 19 de outubro cando reciben a comunicación da resolución da convocatoria e obriga de formalizar o gasto, antes do 30 de outubro.,
A xuízo da deputada, a Xunta debe aprender dos erros e convocar estas axudas no próximo mes de decembro para que sexan resoltas a inicio de ano e poidan desenvolver as actividades ao longo de todo ano. Por outra parte, preguntou se será incrementada a partida orzamentaria, “conxelada dende hai anos” e claramente insuficiente.
Tras a resposta do conselleiro de Economía e empresas, Francisco Conde, a nacionalista reiterou que moitas das entidades non puideron desenvolver a actividade por carecer de efectivo e lembrou que son asociacións sen fins de lucro, e na actual situación de crise económica “non van sobrados de efectivo.”
A deputada afeou a intervención do conselleiro por “presumir de iniciativas” destinadas á recuperación económica do comercio galego cando en realidade, “a Xunta o está sentenciando a morte”. O director xeral de Comercio despois dun ano nesta responsabilidade “non deu una”. Os procedementos xa eran coñecidos e aínda así “convocou tarde, tramitou tarde, resolveu tarde e xa veremos como serán os pagos”, subliñou.
O goberno do PP na Xunta de Galicia abandonou a súa sorte ao comercio galego e agora anuncian que haberá unha importante aportación económica a finais de novembro pero estamos case rematando o ano e os abonos aínda non chegaron aos petos das asociacións e federacións, onde deberían estar dende principios de ano, reiterou Carmela González.
“Tomen nota do acontecido e non repitan os mesmos erros o ano que vén porque o comercio galego esmorece e precisa dunha importante reanimación económica”, concluíu.