O deputado no Congreso, Néstor Rego, realizou a valoración en nome do BNG da mensaxe de Nadal de Felipe de Borbón. Para o representante nacionalista, para alén “dunha sucesión de lugares comúns perfectamente previsíbeis e da pretensión de revestilo de modernidade centrándoo nas graves consecuencias sociais e económicas da emerxencia sanitaria” o discurso do Borbón non puido evitar evidenciar a “profunda crise da monarquía e do rexime político que representa”.
Rego sinalou que pretender despachar cunha frase xenérica, cunha apelación á ética , os “graves e reiterados escándalos de Juan Carlos de Borbón, que hai que lembrar que implican outros membros da familia, incluído o actual Xefe do Estado, non deixa de ser ridículo”. O deputado nacionalista enfatizou que isto lembra os discursos anteriores do propio Juan Carlos de Borbón en que dicía que “a xustiza é igual para todos” cando a protección de que gozan as súas actividades corruptas por parte doutras institucións do Estado “pon en evidencia xustamente todo o contrario”.
Néstor Rego considera que Felipe de Borbón perdeu unha oportunidade de desmarcarse dos propósitos golpistas de grupos de altos mandos militares que no último mes lle dirixiron diversas cartas “ameazando os dereitos, a democracia e os cidadáns e cidadás”. Para o deputado do BNG é evidente que neste caso se fai bon o dito de que “quen cala, outorga”, porque se non desautoriza o contido desas cartas antidemocráticas e golpistas “quere dicir que concorda con elas”. Acrecenta Rego que o feito de que cualifique a ditadura franquista de “período de enfrontamentos”, igualando vítimas e verdugos, fascistas e demócratas “deixa claro o que pensa ao respecto”.
Aliás, Rego considera que a apelación á democracia e á Constitución española “parece máis que nada un chamado desesperado a salvar unha monarquía anacrónica e corrupta” porque, lembra o deputado nacionalista, é esa Constitución a que consagra unha Xefatura do Estado hereditaria e vitalicia “en vez de que sexa elixida periodicamente polos cidadáns e cidadás”, e por tanto incompatíbel cun sistema realmente democrático.
Néstor Rego enfatiza que é precisamente por iso que o Bloque Nacionalista Galego se reafirma na convicción de que “é preciso para avanzar en dereitos, en liberdades e en benestar, romper con esta monarquía española anacrónica; que é preciso seguir un camiño diferente que pasa por que a Galiza teña capacidade para decidir de forma soberana sobre os seus asuntos, e iso só se pode materializar nunha República Galega que garanta igualdade e liberdade para todos os galegos e galegas”.