O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, salientou no debate da nova lei de educación a necesidade e urxencia de deixar sen efecto a LOMCE, mais subliñou que unha vez máis o Goberno español “ficou por detrás das expectativas das comunidades educativas e da sociedade en canto ás mudanzas producidas”.
A xuízo do deputado nacionalista, “hai avances importantes” en comparación coa LOMCE, mais insuficientes como para “dar un aprobado a esta Lei”, polo que se abstivo. Rego destacou que “o BNG presentou máis 100 emendas que non foron tomadas en consideración, con excepción de 3 transaccionais. Unhas emendas que van encamiñadas a reforzar realmente o ensino público, porque apostamos por un ensino público galego e de calidade”.
Entre as medidas defendidas pola forza nacionalista estaba reducir o peso do réxime de concertos, fixar o seu carácter subsidiario -o que implicaría que só poderían producirse nos casos en que non houbese suficiente oferta pública- e reducir a súa duración. Tamén estabelecer claramente a non segregación por sexo ou impedir concertos no ensino non obrigatorio, no camiño da desaparición do ensino concertado sobre a base de que os recursos públicos deben ir a financiar o ensino público.
Ademais, o BNG defendeu un ensino laico, en que a relixión confesional non ten cabida dentro das aulas, e considerou insuficiente voltar á situación pre-LOMCE cunha mate-ria de relixión non computábel e sen materia espello. Rego considerou que esta é una nova oportunidade perdida de camiñar de verdade para a laicidade do ensino público e salientou que o concordato co Vaticano é pre-constitucional, polo que é preciso derrogalo.
Aliás, o deputado nacionalista apostou en reforzar as competencias das Comunidades autónomas, para asumir realmente a configuración plurinacional, pluricultural e plurilin-güe do Estado, “porque a concibiamos como unha lei de bases que non limitase as competencias da Galiza para definir o seu propio sistema educativo a través dunha Lei Galega de Educación” sinalou Rego.
Garantir a eficacia das previsións legais por medio dunha Lei de financiamento, reducir as ratios de alumnado por aula, asegurar a gratuidade dos servizos complementarios como comedor e transporte, asentar a elección democrática das direccións ou a mellorar as condicións do persoal docente, son algúns dos aspectos en que, a xuízo do BNG a nova lei ficou curta.