O deputado do BNG, Luís Bará denunciou a campaña de “acoso, mediático e institucional” contra o centro Galego de Bruxelas por alugar o espazo cultural La Tentation para celebrar o festival “12 horas per la Llibertat” en solidariedade coas persoas presas e exiliadas políticas cataláns.
Bará “condenou” o intento da Xunta e “do propio, Núñez Feixóo” de tentar impedir que o festival se celebrara. Para o deputado, a tentativa “falida” da Xunta e de Núñez Feixóo por “dirixir, controlar e condicionar” a actividade do centro da diáspora galega utilizando mesmo “a chantaxe e intimidación”, colide gravemente co carácter democrático e de colaboración que debe rexer nas relacións entre ambas institucións. O Partido popular, explicou o nacionalista, non conseguiu o seu fin xa que a directiva do centro acordou que, “os exiliados políticos como o rapeiro Valtonyc” puideran actuar na sala, amparándose no dereito de liberdade de expresión.
O Centro galego de Bruxelas, engadiu, é un exemplo para a diáspora galega e un centro de desenvolvemento, innovador, integrador e en permanente diálogo con outras culturas polo que preguntou que accións levou a cabo o Goberno galego para impedir o concerto “12 horas per la Llibertat” nas instalacións do Centro Galego de Bruxelas.
Pola súa parte, o Secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda recoñeceu o malestar da Administración galega que el mesmo, dixo, trasladou ao presidente do Centro galego de Bruxelas. Trala resposta do responsable de emigración, o deputado do BNG replicou que o concerto celebrado o pasado 7 de decembro foi un “un acto democrático” é un novo exemplo da liberade de expresión a pesar dos intentos da Xunta por “condicionar e presionar” ao Centro galego para impedir a súa celebración.
Bará pediu a Miranda que se desculpara co Centro galego de Bruxelas pero sobre todo, que recoñecera “o grande traballo” que está a realizar. Si vostedes non o fan, dixo, “facémolo dende o BNG” porque grazas a ese labor, o centro está a transmitir “unha cultura moderna e lonxe, moi lonxe, dos tópicos que representan o seu modelo”.