O BNG arrancou ante o CHUS unha campaña informativa e de apoio á sanidade pública na que urxe a unha rectificación da década de recortes e privatizacións do Goberno de Feixóo, ao tempo que fai un chamamento para participar de xeito masivo na manifestación convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública.
“Queremos facer un chamamento para que todo ese descontento se canalice na manifestación que, por terceiro ano consecutivo, se vai celebrar o 9 de febreiro en Santiago porque a sanidade pública é un ben moi prezado conquistado tras moita loita e esforzo e non podemos consentir ao PP que a estrague”, salientou a portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado, ás portas do CHUS no reparto informativo no que tamén participou a portavoz municipal, Goretti Sanmartín, e responsables locais.
Dez anos de recortes do Goberno de Feixóo deixan un “balance desolador”, denunciou Prado, “porque ao longo desta década o PP non fixo máis que empuxar á sanidade pública cara o precipicio, menos orzamentos, menos profesionais, 800 camas menos e unha situación continua de abuso dos e das profesionais”.
E neste contexto, a deputada nacionalista denunciou que lonxe de poñer máis medios económicos e humanos para reverter os recortes, a reacción do Executivo do PP e enviar circulares internas desde o SERGAS para amordazar aos profesionais.
“A resposta de Feixóo é unha especie de veto ou pin sanitario en forma de circular interna que é unha auténtica orde de censura, unha prohibición de que se informe da situación de falta de profesionais, de saturación, das deficiencias. En lugar de arranxalo, pretenden amordazar ao persoal sanitario”, denunciou Prado.
A BNG avanza que vai pedir a retirada da circular, “que traslada ás direccións dos centros hospitalarios que actúen para impedir que se coloque información en relación a demandas, queixas ou denuncias sobre a situación da sanidade pública e ameazando a quen non se suxeite a esa circular, intentando impoñer o seu relato en lugar de poñer medios. O que fai o PP é censura pura e dura”, recalca.
A formación que lidera Ana Pontón destaca que os recortes afectan particularmente á atención primaria, de tal xeito que se producen demoras que poden chegar até as dúas semanas o que está motivando unha mobilización constante da cidadanía. Hoxe mesmo na Costa da Morte para reclamar servizo de pediatría ou pola falta de facultativos que non se substitúen.
Doentes nos corredores
Coa porta de entrada ao sistema sen medios suficientes, a consecuencia inmediata é o colapso do servizo de urxencias nos centros hospitalarios de todo o país, desde o CHUAC, Montecelo, Hospital do Salnés ou o propio CHUS, “no que volvemos ver o espectáculo dos e das doentes amoreadas nos corredores en cadeiras e padiolas, onde son atendidos sen a debida intimidade nin confidencialidade”, criticou Prado.
No caso concreto do hospital de Compostela a situación de saturación prodúcese despois de ter pechado 30 camas no centro Gil Casares, “colapsando urxencias e o servizo de medicina interna que, con 72 camas, a información que temos é que hai 116 persoas e outras esperando para poder ingresar”. “Os recortes teñen consecuencias”, conclúe Prado, reiterando o chamamento a participar na manifestación.
Un chamado ao que tamén se suma a portavoz municipal, Goretti Sanmartín, tras denunciar a situación de saturación do CHUS, “unha situación insostible pola privatización e falta de recursos, por iso fago un chamamento a comarca de Santiago en defensa da sanidade pública instando a acudir a manifestación”.