O BNG saliente que os milleiros de galegos e galegas que encheron as rúas de Santiago teñen sobrados motivos para saír en defensa da sanidade pública, tras unha década de recortes e privatizacións do Goberno de Feixóo que deixa un balance “demoledor”: “menos e peor sanidade pública, mentres se reforzou a privada”, sintetizou a portavoz parlamentaria desta área, Montse Prado.
A formación que lidera Ana Pontón considera urxente reverter esta situación e a mellor maneira de facelo é nas urnas. Por iso, insta a aproveitar a cita electoral para deixar atrás a política de acoso e derribo do sistema público de saúde do actual Executivo .
“Facemos un chamamento para que se responda nas eleccións a esta desfeita do PP na sanidade pública, ese será o mellor momento para facelo. Pedímoslle aos galegos e as galegas que lle dean o finiquito nas urnas a Feixóo, que lle dean o finiquito nas urnas a toda esta década de recortes, que lle dean carpetazo ás políticas nefastas do PP que nos deixan unha Galiza en branco en negro”, argumento Prado.
A portavoz parlamentaria de sanidade instou “a trasladar as urnas á mobilización social, para deixar atrás este desgoberno e abrir un tempo novo que o BNG aspira a liderar da man de Ana Pontón”, recalcou.
En relación ao “nefasto” balance do PP, Prado citou o incremento da desigualdade e da falta de equidade no acceso á sanidade que afecta a Galiza rural e do interior, que se traduce na falta de servizos como por exemplo o de pediatría, do que carecen máis de 200 concellos do país. Unha falta de equidade que se agrava coa estratexia de desmantelamento dos hospitais comarcais, pechando servizos e recortando persoal co obxectivo de reducilos “a pouco máis que grandes ambulatorios”.
O hospital de Verín é un caso claro desta estratexia, aínda que a presión da veciñanza obrigou á Xunta a reabrir a sala de partos e a recuperar a atención pediátrica.
O reiterado colapso das urxencias hospitalarias é outra das consecuencias de dez anos de recortes do PP, e son habituais as imaxes de persoas doentes amoreadas nos corredores mentres se pecharon 800 camas, ao que se suma a precariedade laboral que provoca que haxa profesionais que acumulan centos de contratos nun ano, mentres hai 5.000 vacantes se cubrir no SERGAS.
Con todo, a atención primaria foi a máis damnificada, cun recorte acumulado en investimento de 2.000 M€ na última década, o que provoca que hoxe a porta de entrada ao sistema público conte con 142 M€ menos que antes da chegada de Feixóo á Presidencia. “Todo isto ten consecuencias na saúde das persoas, porque os recortes na sanidade matan como se evidenciou nos tráxicos sucesos da Estrada e Dozón”, lembrou a deputada nacionalista.
“A sanidade pública é unha conquista social fundamental e non imos permitir que o PP siga coa súa estratexia de desmantelamento, por iso advertímoslle a Feixóo que xa non pode tapar a indignación social nin con propaganda, nin con mentiras, nin con circulares internas de censura para amordazar aos profesionais”, concluíu.
Entre as propostas de execución inmediata que propón o BNG: plan de investimento urxente de 206 M€ en atención primaria, reapertura das 800 camas suprimidas e convocatoria das 5.000 prazas vacantes no SERGAS.
Non valen medias tintas contra a violencia machista
Prado inicio a comparecencia ante os medios transmitindo toda a solidariedade e de alento á familia da muller asasinada en Lugo vítima da violencia machista: “diante desta situación non caben as medias tintas, non é posible seguir branqueando ou enmascarando aos negacionistas da violencia contras as mulleres polo feito de ser mulleres. A loita contra o violencia machista ten que ser unha cuestión prioritaria e iso pasa por destinar os medios e os recursos necesarios e deixarse de medias tintas”.