A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, avanzou en rolda de prensa as principais liñas de actuación que defenderá o BNG no Debate sobre o Estado da Nación e que se concretarán nas 40 propostas admitidas como número máximo no debate parlamentario que comezará este próximo mércores, e que terán como eixes fundamentais o impulso dunha Galiza, por unha banda, “máis dona de si e con máis peso político”, por outra, “máis xusta” e, por último, “con máis oportunidades”, co obxectivo de que o País saia da crise e afronte os retos presentes e futuros que ten por diante ante as importantes transformacións que se están a producir.
Así, sobre o primeiro eixe, Rodil apelou á necesidade de reclamar o traspaso das competencias pendentes, tanto as recollidas no actual estatuto, como aquelas que foron acordadas de maneira unánime polo Parlamento galego, para “deixar atrás 12 anos de parálise e retroceso do autogoberno, sen unha soa competencia nova transferida”. Paralelamente, avogou por ampliar a capacidade económica de Galiza no novo modelo de financiamento, fronte a un actual “caducado dende 2014”. “Que sexamos máis donas dos nosos cartos e, sobre todo, que este País conte cos recursos económicos necesarios para a atención dos servizos públicos e a cobertura das necesidades sociais”, subliñou.
Neste sentido, tamén defendeu a necesidade de abrir “un debate amplo, sereno e con ambición de país para avanzar nun novo estatus político”, coa finalidade de acadar, segundo recalcou, as “ferramentas necesarias para enfrontar os grandes retos que temos por diante e para o que non serve un traxe estreito que quedou pequeno en 1981 e aínda é máis pequeno hoxe; é preciso un traxe que lle veña mellor a este país”.
A viceportavoz parlamentaria tamén adiantou que o BNG defenderá unha “Galiza máis xusta” que blinde e reforce os servizos públicos, fundamentalmente a sanidade e a educación, pero tamén os dereitos sociais. “Se algo evidenciou a pandemia da COVID19 foron as costuras da Atención Primaria, completamente exhausta e no chasis despois de 12 anos de recortes orzamentarios e de persoal, pero tamén que neste País, o denominado cuarto piar do Estado do Benestar, os coidados, son unha entelequia”, reflexionou.
Por iso, o Bloque apostará pola creación dunha rede de servizos públicos forte, na que resulta fundamental garantir o dereito a unha vellez digna “e iso pasa -incidiu- por un novo modelo de residencias e unha rede de servizos de proximidade que poñan no centro ás persoas, non negocios como o de DomusVI, non, as persoas”.
Rodil estendeu a visión de xustiza social tamén ao dereito de vivir e traballar neste País e “en condicións dignas”, tanto para a xeración presente como para as futuras, polo que explicou que parte das propostas nacionalistas no debate estarán encamiñadas a impulsar políticas que aposten pola “xeración de riqueza e de emprego con dereitos”.
Nesta liña, sinalou a I+D+i como motor de coñecemento e de desenvolvemento social, económico e cultural e avanzou que o Bloque proporá “comprometer o 3% do orzamento da Xunta para 2022 a ciencia e investigación”. “Onde debe facerse esta aposta clara, decidida e real pola I+D+i é nos orzamentos”, reclamou.
De igual xeito, e ademais dunha tarifa eléctrica galega, o BNG apostará por facer da loita contra a crise climática e da transición ecolóxica “unha oportunidade no ámbito enerxético, pero tamén no produtivo”, desenvolvendo un modelo xusto e xerador de riqueza e emprego que, no caso concreto do sector eólico, “sexa sustentábel e non depredador; que sexa galego e xusto e non un espolio para o país”.
Ligado a isto, a deputada nacionalista tamén avogou por “reindustrializar o país”, apostando nos sectores tradicionais como o agro, o forestal, o pesqueiro, o naval ou o automobilístico, “e abrindo novos horizontes nos que Galiza pode ser tamén unha potencia como o dixital-tecnolóxico ou o biofarmacéutico”.
“Unha batería de propostas, en definitiva, pensadas dunha banda para responder non inmediato ás consecuencias sociais e económicas da pandemia, mais que tamén inclúen unha visión a medio e longo prazo sobre o país que queremos construír e que as galegas e galegos merecen”, concluíu.