A viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil trasladou as condolencias do BNG ás familias e amizades das persoas falecidas no accidente de Cerdedo-Cotobade e o desexo dunha pronta recuperación aos dous superviventes. A deputada destacou o importante labor e coñecemento ao persoal dos servizos de emerxencias que “levan traballando todos estes días neste tráxico sinistro”.
A parlamentaria do BNG compareceu ante os medios de comunicación para facer balance do período de sesións marcado pola crise de prezos e cun “maior impacto en Galiza”. Neste sentido, lembrou que a forza nacionalista presentou diversas propostas de urxencia entre as que nomeou: “a restitución da Tarxeta Básica despois de que “o PP deixase a 70 mil persoas sen esta axuda para a adquisición de alimentos e produtos básicos”, o incremento das prestacións sociais e económicas para impedir a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerables e axudas ás PEMES, persoas autónomas e sectores produtivos e económicos máis afectados pola suba dos prezos da electricidade ou os combustibles.
Ademais, dende o BNG, dixo, tamén defendemos propostas estruturais para dotar a Galiza “duna tarifa eléctrica galega, que abarate o prezo da electricidade a familias e empresas nun país como o noso que produce electricidade a esgalla e mesmo exporta para outros lugares da Península, así como unha reforma fiscal máis xusta e progresiva fronte ao “agasallo de 34 millóns de euros que o PP incluíu nos Orzamentos para 7.700 ricas”.
Por outro lado, engadiu que un dos asuntos máis destacables nestes meses foi “a crise sanitaria” co colapso en Atención Primaria, listas de espera, carencia de pediatras e a falta de recursos públicos para responder a un dos grandes retos do presente como é a saúde mental das galegas e galegos.
Desde o BNG, “defendemos medidas de choque para reverter os recortes do PP”, propuxemos un Plan de rescate da Atención Primaria con 200 millóns de euros, a
contratación de máis persoal con novas categorías como psicólogas e psicólogos clínicos nos centros de saúde e mellores condicións laborais e salariais para impedir que sigan marchando profesionais.
Noutra orde de cousas, salientou as iniciativas para responder ao “boom eólico depredador do Partido Popular”, co fin de protexer o medio, o territorio e as condicións de vida sobre todo, da xente do rural.
Rodil lembrou a defensa dos dereitos sociais como o dereito a unha vivenda e a un proxecto de vida independente –especialmente para a mocidade-- ou o dereito a unha vellez digna para envellecer nas mellores condicións posibles.
Novo período de sesións e eleccións municipais
“Remata un período de sesións intenso e comeza outro que non vai ser menos, tamén coa ollada posta nas eleccións municipais, obviamente, do 28 de maio”.
Desde o BNG, afirmou, encaramos o novo curso político con “responsabilidade, cunha enorme responsabilidade, coma sempre, como segunda forza política e alternativa de goberno”.
“Somos plenamente conscientes das dificultades e dos desafíos do momento actual e sabemos que para saír desta encrucillada é fundamental poñer por diante os intereses da maioría e de Galiza, e tamén temos claro que precisamos de máis poder político, máis capacidade de decisión, máis autogoberno para encarar os desafíos do futuro e para conquistar máis benestar e máis prosperidade
O BNG encara o novo curso político sobre catro grandes asuntos: “a defensa dos servizos públicos, especialmente da sanidade pero tamén da educación e os servizos sociais, o impulso económico, mais poder político, máis dereitos avanzando na axenda feminista para garantir os dereitos das mulleres e construír unha sociedade máis xusta e equitativa, dereitos para a mocidade galega e unha axenda verde fronte a emerxencia climática protexendo o territorio e promovendo a sustentabilidade”.