O BNG ven de poñer en marcha a súa comisión electoral de cara aos comicios que se aveciñan, tanto para a cita das eleccións xerais do 28 de abril como para os comicios municipais e europeos previstos para o 26 de maio.
A formación nacionalista concorre a eses procesos electorais cohesionada, cun liderado claro e cun proxecto político ben definido, e fíxase como obxectivo traducir en votos nas urnas a dinámica á alza e a simpatía social na que se atopa a forza política que encabeza Ana Pontón, que se percibe na crecente filiación con incorporacións como as feitas públicas por Suso de Toro, a vocalista do grupo De Vacas Faía Díaz ou o actor Miguel Pernas, que se suman a outras persoas de referencia en diferentes ámbitos que tamén comunicaron a súa incorporación ao BNG a través das redes sociais.
No caso das eleccións xerais, o BNG considera que se trata dunha oportunidade para devolver a Galiza o protagonismo político perdido durante esta Lexislatura, na que este país estivo ausente da axenda e do debate estatal. O Bloque fíxase como reto devolverlle a Galiza voz propia no Congreso e facer valer a representación en Madrid para acabar coa discriminación e a irrelevancia política a que a conducen as forzas estatais.
En relación aos comicios do 26 de maio, o Bloque márcase como obxectivo reforzar as alcaldías que xa lidera e incrementar o número de municipios baixo mando nacionalista así como o número de concelleiros e concelleiras por todo o país. E no ámbito europeo, a súa alianza electoral con EH-Bildu e ERC servirá para afianzar a representación do escano galego na Eurocámara.
Rubén Cela asume a dirección da campaña desde a súa responsabilidade de coordinador de política xeral, dentro dunha comisión electoral que tamén está integrada por Eva Vilaverde para a coordinación da campaña nas sete grandes cidades; Bieito Lobeira, como responsable de coordinación territorial e loxística; Carme da Silva e Nestor Rego en programas e Xavier Campos para imaxe e comunicación.
A comisión electoral aposta por unha campaña en contacto directo coa cidadanía, cercana, con prioridade ao desenvolvemento de axendas nas que se prime o contacto social, que tamén se reflectirá na composición das candidaturas cunha aposta pola incorporación de persoas independentes e pola feminización das listas, na liña do que o BNG xa aplica nos órganos de dirección.