O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanza as liñas de traballo que levará adiante a formación nacionalista na cámara baixa no comezo do novo curso político que estarán centradas en lograr alternativas de benestar que favorezan as maiorías sociais e a clase traballadora da Galiza. Así mesmo, estabelece como prioritario o cumprimento íntegro do acordo de investidura, o incremento do compromiso do Goberno do Estado nos Orzamentos Xerais do Estado e levar a cabo políticas realmente progresivas e transformadoras.
Co comezo do novo curso político o BNG centra as liñas de traballo en dar resposta aos novos desafíos do futuro máis próximo, que xa comezan a percibirse, como o aumento dos problemas sociais derivados da crise sanitaria da COVID-19. A formación nacionalista comprometeuse a “ofrecer alternativas a favor das maiorías sociais e a clase traballadora da Galiza ante a inadecuada política dos gobernos competentes, tanto galego como español no que ten a ver con problemas que se cronifican: emprego, sanidade...”.
“No ámbito do Estado marcamos tres cuestións prioritarias que se deben levar a cabo neste curso político” explica o deputado nacionalista. A primeira delas é o cumprimento do acordo de investidura asinado entre PSOE e BNG xa que “o acordo é co conxunto dos galegos e galegas a súa plena execución favorecerá o desbloqueo de problemas que leva arrastrando Galiza durante décadas”. Rego puxo o exemplo do investimento na construción e mellora das infraestruturas ferroviarias existentes que, outro dos temas que aparece recollido no acordo “é evidente o retraso da Galiza na dotación de infraestruturas ferroviarias en comparación co resto do Estado, así por exemplo, non existen servizos de cercanías no noso País e é urxente a súa implantación”.
Outra cuestión recollida no acordo é o compromiso do Goberno do Estado para alargar o autogoberno galego e estar disposto a transferir “todas as competencias que se recollen no Estatuto e as que foron reclamadas polo Parlamento da Galiza”. Para Rego, o Goberno ten que “estar disposto a convocar a Comisión de Seguimento para desbloquear esta situación e transferir as competencias e que Galiza teña, como mínimo, o mesmo tratamento que outras nacións do Estado español como Catalunya e Euskal Herria”. Así mesmo, o Estado ten que estar aberto en aspectos como a normalización da lingua galega, a solucións aos problemas dos emigrantes retornados ou a creación dos xulgados de violencia de xénero nas cidades de Compostela, Ourense e Lugo.
A segunda cuestión é reclamar ao executivo estatal aumentar o compromiso orzamentario e “eliminar dunha vez a discriminación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2021 coa Galiza” Rego lembrou que nun contexto de orzamentos expansivos no caso da Galiza produciuse un descenso de 11% en relación aos últimos aprobados en 2018 e a formación nacionalista estivo disposta a negociar até o último minuto fixando como obxectivo que o orzamento para Galiza superase os 1.000 millóns de euros. “O obxectivo para este ano ten que ser aínda maior porque se trata de compensar e recuperar ese déficit e ter uns investimentos á altura das necesidades do País” apunta. Rego espera que a actitude do Goberno sexa diferente e “estean dispostos a negociar os novos orzamentos”. Neste sentido, Rego adianta que, nunha chamada do Ministro de Presidencia, Félix Bolaños, comprometeuse a manter, desde o executivo, unha postura de diálogo.
Outro aspecto fundamental é a aplicación dos Fondos Next Generation para a saída da crise da COVID-19. “No primeiro reparto, de 441 millóns de euros, non se respecta o criterio mínimo de poboación e Galiza perdeu entre 100 e 200 millóns de euros. Nós insistimos en que hai que colocar sobre a mesa outros criterios como, por exemplo, a dotación de servizos, a dispersión da poboación ou o seu avellentamento” explica Rego, "mais, cando menos, deben respectar os criterios estabelecidos".
“O reparto deses fondos non responde a criterios previamente coñecidos e avaliábeis de concorrencia competitiva. Este reparto é opaco e moito tememos que acabará beneficiando, non aos servizos públicos nin ao interese xeral, senón ás grandes empresas. Por iso, o BNG comprométese a traballar para que isto non aconteza” enfatiza Néstor Rego.
Por outra banda, no marco das políticas sociais, o deputado do BNG destacou a necesidade de que o Goberno do Estado leve a cabo o compromiso de derrogar as Reformas Laborais. Urxe, desta maneira, a Ministra de Traballo a “avanzar na recuperación de dereitos” para o conxunto dos traballadores e traballadoras. Nese sentido, Rego lembrou que o BNG ten iniciativas rexistradas para que, en canto non haxa unha nova lexislación, se recupere a lexislación de 2010 previa á Reforma Laboral máis benefeciosa e respectuosa cos dereitos das persoas traballadoras.
A formación nacionalista tamén denuncia a falta de compromiso do Goberno de coalición co que ten haber coa suba do Salario Mínimo Interprofesional. “O BNG reclama a suba do SMI até situarse en 60% do Salario Medio, tal e como recolle a Carta Social Europea” defende o deputado nacionalista. Do mesmo xeito, Rego convida o executivo a derrogar as reformas das pensións, retirando o Proxecto de Lei aprobado e reclama que as pensións máis baixas se equiparen ao SMI.
Suba do prezo da luz
“Non nos serve e parécenos escandaloso que a Ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico na súa comparecencia dixese cousas como que non é para tanto, que o prezo da luz podería ter subido máis” critica Rego. Así mesmo, indicou as medidas que a formación nacionalista propuxo na Comisión, a comezar pola regulación do sector, a “nacionalización do sector eléctrico porque se a enerxía é un ben esencial debe estar baixo control público”.
Dentro das medidas formuladas, Rego enumerou tamén as que “poden reducir o prezo da luz de maneira inmediata”. “É curioso que neste tema, un Goberno que gobernou por Real Decreto Lei ao longo do último ano e medio non se lle ocorra retirar da factura todos os custes regulados, os cargos e peaxes que non teñen que ver coa xeración e distribución da enerxía, así como limitar o prezo da hidráulica e a nuclear” asevera.
Galiza como territorio como máis quilómetros de portaxes
Así mesmo, Rego anunciou que a súa formación seguirá traballando para conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes despois de conseguir que, no mes de agosto, se baixasen por primeira vez as portaxes da autoestrada en máis de 40 anos. “Neste momento o noso país é o territorio con máis quilómetros de peaxes do Estado español con máis de 331 quilómetros, máis de 18% dos quilómetros tarificados do español” explica Rego. “Seguiremos traballando para reducir as peaxes nas autoestradas galegas nesa perspectiva de que poidan ser eliminadas definitivamente” reivindica.