A Executiva nacional do BNG, en reunión extraordinaria, aprobou o deseño global de campaña para o 18 de febreiro que estará coordinada por Rubén Cela, unha cita coas urnas que non pillou por sorpresa á formación nacionalista senón traballando, cos deberes feitos e con todo a punto para as eleccións máis abertas dos últimos catorce anos.
A campaña, explicou Cela, “será intensa, en positivo e ilusionante desde a confianza de que o cambio é posible e terá como obxectivo central a mobilización da sociedade porque a clave está en lograr a mobilización de todas as persoas que queren cambio”. Xusto o contrario do que persegue o PP, “que non quere unha sociedade galega mobilizada e por iso non é casual que convocase facendo coincidir unha parte da precampaña coas vacacións do Nadal e unha parte da propia campaña coas festas do entroido”, alegou.
Sen embargo, o BNG augura o fracaso desa estratexia do Partido Popular porque vai haber unha gran mobilización social e ese é o obxectivo do Bloque, insistiu o director de campaña. “Primeiro porque nunha democracia sempre é positivo a participación e, segundo, porque se todas as persoas que queren cambio se mobilizan nas urnas o 18F ese cambio será imparable”, alegou Cela, facendo un chamamento a “concentrar” o voto do cambio na candidatura que lidera Ana Pontón.
“Encaramos este proceso co máximo entusiasmo, convencidos e convencidas de que vai darse un resultado histórico que lle dará a Galiza a primeira presidenta dun goberno liderado polo BNG, pensado por e para Galiza sen ningún tipo de atadura e ao servizo da maioría da sociedade galega”, subliñou Rubén Cela, quen augurou que esta será “a campaña máis intensa do Bloque, en actos, en mobilización, deixando claro que o cambio non só é posible senón necesario”.
Dentro do proceso electoral, a formación nacionalista celebra este sábado o Consello Nacional para poñer en marcha a elaboración das candidaturas, nun proceso aberto, desde a base, coa participación de toda a militancia a través das asembleas comarcais, democrático e transparente, “no BNG nunca tivo cabida ningún tipo de dedocracia”, sintetizou Rubén Cela.
“Saimos a por todas porque estamos absolutamente convencidos e convencidas de que o cambio é posible”, subliñou o director de campaña, quen destacou que a elaboración do programa electoral, xa moi avanzado, está sendo coordinado por Olalla Rodil e Luís Bará, parlamentarios de ampla traxectoria e experiencia. Na dirección de campaña, Cela estará acompañado pola responsable de organización, Lucía López.