Europeas 2024

BNG asinará este xoves o acordo de coalición electoral técnica ás eleccións europeas, con Ara Més, ERC e EH Bildu

Agora repúblicas
Agora repúblicas
O electorado galego votará con papeleta e candidaturas plenamente do BNG, que desenvolverá unha campaña “100 % galega”

O BNG repetirá fórmula electoral para concorrer aos comicios europeos do 9 de xuño baixo a coalición instrumental Agora Repúblicas, xunto con ERC (Catalunya) e EH-Bildu (Euskadi) igual que fixo hai cinco anos, formacións ás que nesta cita coas urnas tamén se suma Ara Més (Baleares).

A formación nacionalista volve optar por esta fórmula de coalición instrumental como vén facendo desde hai dúas décadas, ao seren estes uns comicios de circunscrición única en todo o Estado. A sinatura do acordo farase mañá xoves en Barcelona, onde o BNG estará representado por Rubén Cela, membro da Executiva Nacional e responsable de relacións internacionais.

Nesta ocasión o BNG ocupa o terceiro lugar dentro da coalición fronte ao quinto posto que lle correspondeu nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo, un cambio significativo que se produce despois do histórico resultado acadado nas eleccións galegas do pasado 18 de febreiro, nas que o Bloque obtivo case 500.000 votos.

Máis alá da coalición técnica instrumental, o electorado galego votará coa papeleta do BNG e a unha candidatura propia, -que en 2019 estivo encabezada pola até agora eurodeputada Ana Miranda-, co obxectivo de que Galiza conte con voz propia en Bruxelas para defender os seus intereses. A candidatura será elixida pola militancia nacionalista en asembleas comarcais durante o mes de abril e o proceso rematará coa súa aprobación definitiva por parte do Consello Nacional.

Igualmente, o BNG desenvolverá unha campaña netamente galega ao longo e ancho do País para trasladar tanto o traballo feito na Eurocámara en defensa de Galiza durante toda esta lexislatura, como as principais liñas de traballo e propostas de futuro en defensa dos intereses dos e das galegas, en particular en sectores como pesca e agricultura, onde as decisións que se adoptan en Bruxelas teñen un gran impacto.

Ademais das forzas xa mencionadas, a coalición Agora Repúblicas tamén conta co apoio de formacións políticas doutros territorios como Canarias ou Asturias que van pedir o voto para a coalición aínda que non estarán integradas formalmente na mesma.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG