O BNG arrincou no Parlamento o compromiso do PP para instar á Xunta a investigar os incumprimentos dos pregos do Servizo de Salvamento Marítimo de Galiza. Os Populares votaron en contra da recuperación do carácter público do Servizo de Gardacostas de Galiza, privatizado polo Goberno do PP e cuxa adxudicataria “vén incumprindo gravemente as condicións do contrato” o que pon en risco a saúde do persoal traballador e aquelas persoas que precisen da axuda ou rescate.
Rosana Pérez, portavoz de Pesca, fixo referencia “aos 51 millóns de euros que todos os galegos e galegas pagamos a esta empresa incumpridora”, que o Goberno Feijóo privatizou en 2012. Neste sentido, denunciou os “graves e numerosos” incumprimentos do servizo, como o emprego dos helicópteros de salvamento da empresa concesionaria, Babcock, para o transporte sanitario “o que implica que os pilotos teñan que cumprir maiores esixencias que os de rescate e un adestramento que a empresa non leva a cabo”, criticou; ademais, a substitución dos helicópteros non se realiza por outros modelos das mesmas características, “o que impide realizar os rescates con garantías”, remarcou.
“O que xa é un esperpento”, recriminou Pérez aos Populares, “é que a empresa estea a empregar helicópteros en substitución no Servizo de Salvamento de Galiza que xa foron no seu día desbotados por obsoletos e ineficientes polo ente público estatal SASEMAR”, o que resulta nun pago por un material de calidades moi inferiores ao seu prezo, cando o propio contrato, sinalou a portavoz de Pesca, “marca que a empresa non poderá efectuar substitucións sen coñecemento nin aceptación previa da Consellería”.
Incúmprese o contrato, reprobou a deputada do BNG, “incluso nas medidas dos propios helicópteros de substitución, que deberan poder acceder ao interior do hangar de Celeiro, neste caso”. Xa que os propios aparellos, explicou, deben realizar “manobras que se converten nun auténtico obstáculo no momento en que xorden emerxencias e demórase o tempo de resposta” debido a que a empresa concesionaria non realizou as obras necesarias para dar cumprimento ao prego, o cal demostrou ensinando en comisión unha fotografía “subida no propio perfil en redes sociais do Servizo” onde aparece un helicóptero que incumpre as condicións sinaladas en dito prego.
Ademais, estes agravios ás condicións do contrato de concesión, detallou a parlamentaria nacionalista, abranguen tamén ás esixencias que a empresa debería levar a cabo en canto ao persoal, “porque en moitos dos casos non ten a experiencia mínima esixida ou non conta coa equipación e o material necesarios para desempeñar as súas funcións correctamente e para priorizar a súa seguridade e a súa operatividade”.
“Falamos dun servizo que ten que salvar vidas, non poñelas en risco, comezando pola do propio persoal”, un persoal traballador “sometido a presión constante”, denunciou Pérez. “Xa houbo algunha incidencia e se pasa algo botarémonos as mans á cabeza, malia que disto xa poña o aviso o BNG”, advertiu.
Finalmente, o Goberno do PP comprometeuse a investigar os incumprimentos dos pregos da concesión, a sancionala en caso de detectar incumprimentos graves e a emprazala a cumprir o reclamado nos pregos, mais votou en contra de recuperar o carácter público do Servizo de Salvamento Marítimo de Galiza.