O BNG estará mañá, sábado, 2 de febreiro, na manifestación convocada polos afectados polas preferentes e subordinadas, como ten estado en todas as manifestacións e concentracións convocadas polos afectados por esta estafa. Será ás once e media da mañá, con saída da Alameda e cheganuo a Monte Pío e contará coa presenza do portavoz nacional, Guillerme Vázquez.
A presenza do BNG na rúa, tanto nesta, como nas diferentes manifestacións convocadas por este colectivo, vén acompañada por un traballo nas institucións en defensa das persoas. Así, o Bloque Nacionalista Galego ten presentado iniciativas no Parlamento Galego, no Congreso dos Deputados e nos concellos galegos dende que se descubriu a fraude.
O Bloque Nacionalista Galego defende na rúa e nas institucións a urxencia dunha solución para as persoas ás que se lles roubaron os seus aforros.
Tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento de Galiza, o BNG ten reclamado a impugnación do decreto que permite "expropiar" os cartos das preferentes. Tal e como ten manifestado o Bloque desde as diferentes tribunas públicas e institucionais, non é de recibo a saída que se lle dá a este colectivo, a de impoñer unha quita que pode chegar até o 70 por cento dos cartos investidos e abonar o resto en forma de accións, accións que no caso dos que suscribiron as preferentes coas antigas caixas galegas non poderán vender porque Nova Galicia Banco está intervida.