Tras a precampaña de actos desenvolvida por todo o país con motivo do 25 de Xullo, o BNG ultima a celebración do Día da Patria que terá o seu punto álxido na tradicional manifestación nacional que como cada ano parte ao mediodía da Alameda compostelá e finalizará na Praza da Quintana coa intervención da portavoz nacional, Ana Pontón.
Unha cita emblemática para o Bloque desde fai 37 anos, que espera sexa a máis masiva dos últimos anos e que suma xa record de delegacións políticas e de colectivos sociais, coa presenza de representantes doutras forzas nacionalistas e independentistas do Estado español e de Europa, así como de países cuxas loitas pola liberdade dos seus pobos contan co apoio do BNG.
Neste sentido, acompañarán a celebración do Día da Patria, por parte dos Países cataláns: ERC con Jordi Salvador, Joan Capdevila, Xavier Eritka, e Xavier Castellana, Albert Botran, da Candidatura d'Unitat Popular (CUP), Pep Cortell, do Bloc Nacionalista Valencià, Miquel Gallardo, de MÉS per Mallorca e Joan Albert Pons i Bagur, de MÉS per Menorca. Desde Euskal Herria: Jokin Bildarratz, do PNV, Jon Iñárritu, de Aralar, Pello Urízar, de Eusko Alkartasuna, Marian Beitiarrangoitia, de Sortu e Josu Juaristi, por EH-Bildu.
Igualmente, participan neste 25X representantes de Puyalón de Cuchas de Aragón, Izquierda Castellana ou Unidad del Pueblo de Canarias, así como delegacións da Alianza Libre Europea (ALE), do Bloco de Esquerdas e do Partido Comunista desde Portugal, do Plaid Cymru de Gales, do Kurdistán, Palestina, Sáhara ou Venezuela.
Entre os colectivos sociais e de loita laboral que se suman á celebración do Día da Patria estarán na Quintana traballadoras e traballadores de Ferroatlántica, do sector do metal, dos mariñeiros de Long Hope, da Coordinadora de emigrantes retornados, de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Asociación Monte Pindo, Organización de montes veciñais en man común, FRUGA, AGAL, ou do estudantado galego Erguer.
O referendo e as nacións sen Estado
Este ano o Festigal, cita ineludible na programación do Día da Patria, acolle unha mesa de debate baixo o título O escenario pre e pos-referendo de Catalunya para as nacións sen estado que presenta Ana Miranda, portavoz do BNG en Bruxelas, e contará coa intervención de Marian Beitialarrangoitia, portavoz de EH-Bildu no Congreso, Xavier Castellana, senador de ERC, e Rubén Cela, en representación da dirección nacional.
Será na sección Galería das letras e das ideas que alberga o Festigal.
A mocidade de Galiza Nova tamén xoga un papel protagonista nos actos do Bloque para o 25X, cuxo secretario xeral, Alberte Fernández, compartirá escenario na Praza da Quintana coa portavoz nacional. Na véspera, acto homenaxe en Santo Domingo de Bonaval a Rosalía e Castelao, con intervencións políticas e musicais.
Record de mobilización social
O secretario de Comunicación, Xavier Campos, avanza que este 25 de Xullo “vai ser o de maior mobilización social dos últimos anos do Día da Patria, tamén para afianzar ao novo BNG que naceu nas pasadas eleccións galegas e que está plenamente consolidado e recuperado socialmente, coa man tendida para construír xuntos ese país novo que reclamamos e que precisa a maior parte da sociedade galega”.
O BNG pretende converter este día “nunha gran mobilización social en contra da discriminación que soporta Galiza por parte do Estado e para reclamar un cambio de rumbo para construír un país con oportunidades, que garanta que ninguén se vai quedar atrás por moito que a vida se lle torza, a Galiza das oportunidades, do emprego e dos dereitos”, concluíu.