A deputada do BNG, Olalla Rodil e o deputado, Iago Tabarés compareceron ante os medios de comunicación para presentar diversas actuacións ante a intención da Xunta de “pasar páxina” do acontecido nas residencias de maiores durante a pandemia.
O BNG anuncia “unha ofensiva” de iniciativas para mudar o actual modelo de residencias de maiores e camiñar cara un “modelo público”.
Rodil afirmou que Xunta está a obstruír o traballo de control parlamentario e explicou que as irregularidades detectadas e comprobadas polos deputados do BNG “a penas son unha pequena parte”, polo que o BNG solicitou máis documentación para continuar consultando o acontecido durante a pandemia.
Dereito a unha vellez digna convertido nun negocio
Para a deputada, as dramáticas consecuencias dun modelo de residencias privatizado como en Galiza, onde 8 de cada 10 prazas son privadas, converte “o dereito a unha vellez digna” nun negocio de empresas que poñen por diante de calquera outro aspecto o “incremento dos seus beneficios.
Ante esta situación, dixo a nacionalista, rexistramos unha batería de iniciativas parlamentarias para: incrementar as inspeccións dos centros, que o Consello de Contas fiscalice as residencias galegas privadas e concertadas e así o trasladamos nas propostas ao Plan de traballo para o 2021.
Por outra parte, reclamamos aumentar o número de inspectores na Consellaría de Política Social. Actualmente só hai 14 persoas nos servizos de inspección para todo o país e para todos os centros: residencias, centros de día, centros de menores, centros de persoas con discapacidade, escolas infantís, casas do maior, casas niño… “ un número absolutamente insuficiente”, recalcou.
A creación dunha investigación por parte da Xunta sobre o acontecido nas residencias de maiores durante a pandemia para avaliar a xestión pero tamén para garantir xustiza e reparación ás familias das persoas falecidas, “a publicación inmediata dos datos da pandemia nas residencias de maiores desagregados por centros”, información que, afirmou Rodil, a Xunta nega de maneira sistemática.
Ademais, engadiu, nos casos de vulneración de dereitos das persoas usuarias de residencias, por exemplo, no uso irregular de suxeicións mecánicas (sen consentimento informado, sen prescrición médica) deberán ser derivados de oficio ao Ministerio Fiscal para a súa correspondente investigación.
Rodil indicou que todas estas medidas son presentadas agora porque, grazas a vacina non hai ningunha persoa contaxiada pola COVID19 nas residencias e “tememos que a Xunta tente pasar páxina” como si non acontecera nada.
No BNG temos claro que non é o momento de pasar ningunha páxina senón todo o contrario, esixir social e politicamente, con máis contundencia se cabe, un cambio no modelo de residencias e de atención aos nosos maiores.
Tabarés denuncia insuficiencia de inspectores para o control dos centros
Pola súa parte, o deputado Iago Tabarés denunciou os obstáculos da Xunta á hora de facilitar o traballo dos parlamentarios para acceder á información das residencias de maiores, esa información, dixo “é denegada ou remitida de maneira parcial”.
Tabarés aludiu ao avanzado proceso de vacinación nas residencias e mitigadas as restricións, dende o BNG consideramos que é o momento de analizar o pasado do ocorrido nestas residencias e abordar o seu futuro.
Tras a información recadaba podemos afirmar que “non existe unha inspección e control real” nin periodicidade fixada para que o servizo de inspección visite as residencias. Mesmo, nos casos nos que se aprecian “importantes deficiencias” tampouco se rende unha visita posterior para comprobalos. O deputado cualificou de “insuficiente o cadro de persoal” con 14 inspectores para 2.000 centros ao que sumou falta de medios e en moitos casos aínda sen vacinar.
Ante os incumprimentos, engadiu Tabarés, tampouco se abren procedementos sancionadores. Temos constancia de suxeicións non consentidas que deben ser coñecidas pola Fiscalía e non se esta a facer nin se están a cumprir as ratios de persoal de atención directa, outro incumprimento contractual así como irregularidades nas alimentacións prescritas “con alimentos caducados hai meses”.
No momento no que estamos e ante o alivio de restricións urxe analizar con profundidade a situación das residencias de maiores e analizar si os procedementos sancionadores son os adecuados e os mecanismo de control son efectivos.