O BNG instou á Xunta no Parlamento galego a adoptar, previo diálogo cos representantes das persoas autónomas, profesionais e empresas afectadas pola COVID19, as medidas que sexan necesarias para acadar que a totalidade dos fondos de achega estatal do IV Plan de Rescate se executen na súa integración. De igual xeito, reclamou unha comisión bilateral do Goberno galego co Estado para planificar e executar os fondos de achega estatal que lle corresponderán a Galiza no marco dos fondos europeos, dirixidos a estes mesmos colectivos.
Segundo recalcou o portavoz nacionalista de Emprego, Daniel Pérez, o obxectivo desta proposición non de lei é que “a Xunta adopte cantas medidas sexan necesarias para que nin un só dos 140 millóns que constitúen o orzamento do chamado IV Plan de Rescate da Xunta teñan que ser devoltos á facenda estatal e así se repartan, na súa integridade, entre o tecido empresarial galego, que tanto precisa destes fondos”.
Logo de reprobar que tiveran que pasar 9 meses dende o inicio da pandemia para que a Xunta articulase a primeira liña de axudas directas a autónomxs e pemes - tal e como reclamou o BNG en reiteradas ocasións- e censurar o intercambio de acusacións entre o Goberno galego e o Estado mentres tanto desaparecía o 1,6% das empresas galegas (un total de 3.156 durante o ano 2020), Pérez advertiu que as liñas articuladas polo Executivo de Feixóo en marzo e novembro “tiveron moito de propagandístico e pouco de efectivo”.
Así, recordou que o Plan de Reactivación para a Hostalería e a Cultura deixou fóra a moitas hostaleiras e hostaleiros e as súas principais medidas, en forma de créditos brandos, non tiveron aceptación polo medo a endebedarse ante a incerteza da evolución da pandemia. Sobre as Axudas á Dixitalización, lembrou que as e os solicitantes tiveron que adiantar o 100% do desembolso do proxecto e execución do mesmo e esperar máis de 10 meses a que o Igape aboase o 50% restante da subvención.
A isto engadiu que os “mal chamados” Plans de Rescate I e II da Xunta supuxeron en realidade “só parches que non compensan tantos meses acumulando gastos e perdas”, mentres que o III Plan de Rescate, con fondos galegos e estatais, “non funcionou e ficaron 134 millóns sen repartir que -alertou-, de non ser executados, terían que ser reintegrados á Facenda estatal”.
Neste sentido, e ante o IV Plan de rescate que o Goberno galego articulou con estes fondos non executados do III Plan, cuxo prazo de solicitude rematou o 29 de novembro, o deputado nacionalista advertiu que, á espera de poder facer balance dos fondos que finalmente se executen, “o que é meridiano é que a planificación destas axudas foi errática dende a súa concepción polo Ministerio de Asuntos Económicos, cun plan que estaba pensado para salvar grandes empresas, pero que en ningún caso para socorrer as pemes e persoas autónomas que maioritariamente constitúen o tecido empresarial galego; temos particularidades propias, un tecido empresarial integrado maioritariamente por empresas que non teñen empregadxs ou teñen entre 1 e 2”.
“E o que está claro é que a capacidade da Xunta até o de agora para negociar co Estado e acadar unhas bases de concorrencia acordes á realidade do tecido empresarial galego é cero”, reprochou, para concluír a continuación que, ante a delicada situación que atravesa o sector das e dos traballadores autónomos -máis agora co empeoramento do actual contexto económico- “é imprescindible que o Goberno galego empregue todos os mecanismos o seu alcance para que ata o último euro dos fondos estatais se quede en Galiza e contribúa a aliviar a situación deste sector”. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP.