O BNG acusa á Consellería de Sanidade de “facilitarlle profesionais á sanidade privada” tras o acordo da Xunta para desconvocar a folga do persoal facultativo

Montse Prado
Montse Prado
Montserrat Prado: “O conselleiro de Sanidade ningunea á maioría dos traballadores e traballadoras do Sergas cun acordo á marxe da mesa sectorial no que se recoñecen toda unha serie de cuestións que leva anos negándolle ao conxunto do persoal”

O BNG acusou ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, de “incompetencia pola súa incapacidade para resolver os problemas da sanidade pública”, xa que “non hai en absoluto ningunha medida estrutura que vaia ó fondo dos problemas da sanidade en suficiencia de recursos humanos, de precariedade, e de orzamento insuficiente, nomeadamente na atención primaria”, recriminou a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado.

Segundo a parlamentaria nacionalista, García Comesaña “vén de ningunear á maioría dos traballadores e traballadoras do Sergas asinando un acordo á marxe da mesa sectorial no que se recoñecen toda unha serie de cuestións que leva anos negándolle ao conxunto do cadro de persoal”, como son a recuperación de acordos salariais e de recoñecemento de especiais condicións laborais, reprobou.

Mais a portavoz de Sanidade puxo o foco na “cesión” do Goberno do PP ás demandas da patronal, “consolidando a folla de ruta de facilitarlle profesionais á sanidade privada equiparando profesionais que apostan pola sanidade pública, dedicándose en exclusiva á mesma, cos que o fan tamén na sanidade privada”, en referencia ao complemento salarial ás e os profesionais que, ademais de na privada, traballen na pública, e viceversa.

Fronte esta ausencia de avances en favor dunha sanidade pública que garanta a saúde e a vida dos galegos e galegas, Prado demandoulle á Consellería de Sanidade e ao Partido Popular “que rectifiquen, que deixen de tomar medidas que afondan na mercantilización da sanidade, que só buscan solucionarlle os problemas á sanidade privada, que respecte ó conxunto do cadro de persoal do Sergas” e emprazou a García Comesaña a recoñecer a especial dedicación, a remuneración por traballo en días especiais, ou a elevada carga asistencial “para todo p conxunto do cadro de persoal e non a un colectivo concreto como vimos demandando dende hai anos”.

A portavoz de Sanidade concluíu esixindo ao Executivo dos Populares “a posta en marcha as medidas estruturais que precisa a sanidade pública”, entre as que se atopan o reforzo de persoal e o aumento orzamentario para “rematar coa precariedade, tamén cunhas condicións laborais dignas, especialmente na Atención Primaria”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG