O PP, dixo, pretende implantar un modelo territorial no que teña acubillo “o pelotazo urbanístico da cidade de Mos” e a nova norma abre “unha porta para que os grandes lobbies poidan saquear o territorio”.
Por outra parte, lembrou que existen directrices na actual lei que non se cumpriron porque o PP segue coa política “de ti vai facendo”. Coa escusa da simplificación administrativa, explicou o PP prioriza “os intereses de grandes grupos empresariais”. A verdadeira realidade desta lei é a figura dos “Proxecto de Iniciativa Autonómica” (PIA), “unha patente de corso” para beneficiar aos grupos empresariais e grandes superficies comerciais, reiterou Bará.
Pelotazo urbanístico en Mos
O nacionalista insistiu en que os PIA, pasan por riba da autonomía municipal e incluso non precisan licenza do concello, polo tanto, na práctica é unha privatización e beneficios para a iniciativa privada como demostra “o pelotazo da cidade deportiva do Celta de Mos que agocha a intención de implantar unha gran superficie comercial . Feixóo, o presidente do Celta e a alcaldesa de Mos presentaron un proxecto que foi convertido nun convenio entre o Celta e o concello que contou coa “bendición da Xunta de Galiza” a pesar de supor a destrución do monte.
O deputado sumou ao “pelotazo urbanístico de Mos” as irregularidades dun POL (Plan de Ordenación do Litoral) modificado para “regalarlle os terreos a ENCE durante 60 anos”. O nacionalista acusou ao PP de non ter executado os Plans de planificación xeral do territorio nas cidades e vilas intermedias e afirmou que a nova é unha lei de “destrución, degradación e desfeita do territorio” polo que novamente pediu a súa devolución.
Entre as moitas eivas da lei, destacou: “o crecemento caótico das áreas urbanas e a desertización do medio rural”. As agresións medio ambientais con plantacións forestais de crecemento rápido, mesmo na Rede Natura e terreos agrarios, as políticas descontroladas das actividades extractivas, unha “lei da selva” en materia de residuos, a degradación da costa e do litoral e as agresións paisaxísticas enumeradas na estratexia paisaxística aínda sen directrices.
Na súa intervención, lembrou a “doutrina Ligero”, alcalde do PP da Guarda dos anos 80 que pretendía “urbanizar o monte”, un alcalde do Partido popular condenado por contrabando e que cumpriu condena por esta actividade e tamén “ao goberno letal” de Ourense, como o denominou o propio Feixóo, “ese é o modelo territorial do Partido popular”.
Bará concluíu ofrecendo “un pacto” que, na súa opinión, vaia máis alá da ordenación do territorio que aborde o medio ambiente, a paisaxe, a mobilidade e os residuos. Agora veñen estas presas porque “queren deixar todo atado e ben atado”, para poñer dificultades ao novo goberno que saia das urnas despois das eleccións galegas. O PP aplica unha política de terra queimada e “Feixóo quere morrer matando”.