O deputado do BNG, Luís Bará instou ao goberno galego a elaborar “un estudo” sobre “recadación e fiscalidade” das casas de apostas, salas de xogo e máquinas de xogo na hostalería acompañado dun programa de prevención, sensibilización e educación dirixido á mocidade e ámbito escolar así como medidas para detección e tratamento das ludopatías.
No debate da proposición non de lei nacionalista, celebrado na comisión 1º no Parlamento galego, Bará tamén reclamou incluír no Proxecto de Lei do Xogo “un acordo” coas federacións deportivas galegas e clubes para eliminar os anuncios, publicidade e patrocinios de empresas do xogo nas súas actividades.
Conexións do PP coa patronal do xogo
O deputado lembrou que o pasado 29 de outubro o presidente da Xunta participou no acto de apertura do VII Encontro das empresas do xogo, loubando o xogo como “unha actividade importante, responsábel, ordenada e que xera riqueza”.
Segundo o comunicado feito público pola asociación organizadora, AGEO, o vicepresidente da Xunta comprometeuse a estudar a fiscalidade do sector, a respecto da demanda das empresas para reducir o 50% a taxa fiscal até decembro de 2021. Nun artigo publicado posteriormente na prensa, proseguiu Bará, o presidente da Asociación Galega de Empresas Operadoras (AGEO), Serafín Portas indicou que “a administración escoitounos, e destacounos como empresarios exemplares na creación de riqueza e emprego en Galiza e, así mesmo, recoñeceu o noso traballo establecendo estritos protocolos sanitarios e de control para garantir a seguridade dos nosos clientes”. No mesmo artigo, o representante da patronal do xogo referiuse ao anteproxecto de Lei do xogo de Galiza, actualmente en tramitación, facendo constar que “non fan falta máis medidas de control das xa existentes e temos claro que un dispositivo de control para as máquinas B en hostalería sería un ataque directo aos nosos negocios”.
Para o deputado do BNG as presións da patronal do xogo sobre o PP provocaron as diferentes modificacións do proxecto de lei. Vostedes, dixo, “están coa patronal e no BNG estamos cos colectivos que defenden a saúde pública e o interese xeral”.
A portavoz popular, Paula Prado presentou unha emenda ao texto nacionalista que o deputado do BNG non aceptou por considerar que mudaba o contido da proposta e non aportaba “nada novo”.