“O que demostra o PP con esta lei é que estamos diante dun goberno en descomposición, un goberno que está no tempo de desconto e á desesperada e que quere deixar todo atado e ben atado aos seus amigos, ás grandes empresas, e dificultar o labor dun futuro goberno alternativo liderado polo BNG”. Con estas palabras rematou o deputado do BNG Luís Bará a súa primeira intervención no debate sobre a Lei de Medidas Fiscais a Administrativas, coñecida como Lei de Acompañamento dos Orzamentos. Unha lei que, censurou, supón un “auténtico abuso” e un “auténtico exercicio de prepotencia” porque “rebaixa as garantías democráticas, de participación e transparencia”, pois supón modificar “pola porta de atrás” un total de 31 leis e once decretos lexislativos.
Trátase, asegurou o deputado do BNG, dunha “gran chapuza” coa que se fan cambios normativos “a medida de determinados intereses”, creando así unha “absoluta inseguridade xurídica” e dando “auténticos pelotazos lexislativos”.
Referiuse, neste sentido, ao “traxe a medida” feito para as grandes eléctricas e que ten provocado a “parálise” do sector, derivada non das sentencias xudiciais, senón da “barra libre” que o PP implantou para as eólicas. “Vostedes están nunha campaña de acoso e derribo, de coacción aos tribunais de xustiza, cando son vostedes os auténticos responsábeis desta parálise”, apuntou.
Luís Bará criticou, por outra banda, o “desbaraxuste” que supoñen outros cambios introducidos a través da “lei omnibus”, cambios que son unha “verdadeira emenda á totalidade” á propia política industrial do Goberno do PP. Entre outras cuestións, puxo como exemplo que dez anos despois “eliminan a Unidade Galicia Emprende que non emprendeu nada” e suprimen, neste caso tras oito anos, o plan director da industria de Galicia “que tampouco serviu para nada porque o que vimos foi un ermo industrial coa destrución de 40.000 empregos no sector”.
“Véselles moi ben a patita”, afondou o deputado do BNG, coa modificación para indemnizar con medio millón de euros ás empresas promotoras de proxectos industriais estratéxicos no que a tramitación dure máis dun ano, cando ademais todos os que se anunciaron levan máis de dous anos sendo tramitados.
Proxectos tractores ou proxectos chimpín
Un exemplo máis de como o PP goberna para as grandes empresas, igual que a modificación da lei de implantación de iniciativas empresariais, “que tamén ía ser jauja”, ou a supresión das iniciativas empresariais prioritarias, “que tan prioritarias eran que van vinte aprobadas e practicamente ningunha despois de dous anos e centos de titulares conseguiu implantarse”. “Un auténtico bluf, como eses proxectos tractores tamén vendidos a bombo e prato pola Sociedade Impulsa na que está o señor Rueda co señor Escotet de ganchete”, asegurou Bará, para quen “máis que proxectos tractores hai que chamarlles proxectos chimpín que nin sequera dan arrancado o motor”.
No sector eólico, a Lei de Medidas Fiscais e Administrativas deixa ademais en evidencia que os cambios feitos teñen como obxectivo “facilitar a implantación dos grandes proxectos depredadores da nosa riqueza para vencer as resistencias que hai no territorio, nos concellos, de moitísima xente que se sente asoballada pola política do PP e do TSXG”, salientou Bará, que acusou ao PP de “dar auténticos pelotazos lexislativos para favorecer descaradamente os intereses da patronal eólica”.
Tamén as empresas inmobiliarias, agregou, saen favorecidas coa modificación da Lei de Vivenda para, segundo subliñou, intentar boicotear a declaración no País de zonas tensionadas de vivenda.
No que se refire aos cambios en política fiscal, o deputado do BNG defendeu as emendas presentadas polo BNG para avanzar nun modelo de fiscalidade máis xusta e progresiva, pensando na maioría da xente, fronte ao modelo do PP de “agasallos fiscais aos millonarios”. Así, o BNG propuxo a supresión da bonificación ao imposto de patrimonio, a rebaixa do mínimo exento, modificacións no IRPF con criterios de progresividade para que pague máis quen máis ten, cambios para gravar máis o dano ambiental dos encoros ou, no canon eólico, para gravar a potencia instalada.