- A nacionalista, Olalla Rodil defendeu hoxe unha proposición non de lei destinada a garantir o dereito do aborto na sanidade pública para todas as mulleres e abrir o debate sobre a obxección de conciencia dós profesionais sanitarios ante unha interrupción voluntaria do embarazo
A deputada do BNG, Olalla Rodil defendeu hoxe unha proposición non de lei destinada a garantir o dereito ao aborto para todas as mulleres na Sanidade pública e abrir o debate sobre a obxección de conciencia dós profesionais sanitarios ante unha interrupción voluntaria do embarazo.
Desde o BNG, explicou a parlamentaria , traemos de novo a esta Cámara a defensa do “dereito ao aborto coas debidas garantías na sanidade pública despois de coñecermos a sentenza xudicial que condena o Sirgas por neglixencia no caso que atinxe unha muller da comarca da Mariña, en Lugo”. Unha condena que instamos a non recorrer por parte de Sanidade.
Con esta iniciativa queremos ir máis alá do caso concreto e garantir o dereito ao aborto na sanidade pública para todas as mulleres, rematando con casos como os acontecidos no CHUAC e no Arquitecto Marcade de Ferrol onde mulleres se viron na obriga de expulsar o feto no baño da propia habitación hospitalaria, soas, sen acompañamento de ningún profesional ou que son derivadas a clínicas privadas algunhas mesmo fóra do territorio galego, apuntou a deputada do BNG.
Por outra parte, lembrou que os testemuños destas mulleres e a propia condena ao Sirgas poñen de manifesto “as precarias condicións nas que se levan a cabo as interrupcións do embarazo a partir do segundo trimestre de xestación (da semana 12) no noso país”.
Olalla Rodil afirmou que en Galiza no ano 2014, producíronse e 2014, “3. 351 interrupcións voluntarias do embarazo e delas, só 260 tiveron lugar na rede sanitaria pública, de acordo cos datos oficiais”. O 92% foron practicados en clínicas privadas. Así as cousas, descoñecemos a cifra daqueles que se levaron a cabo fóra do país en centros extrahospitalarios privados que contan con convenios asinados co Sergas xa que esta información aínda non se fixo pública.
Debate obxección de conciencia ante a interrupción voluntaria do embarazo
Para a deputada, o centro do debate sitúase no conflito entre o exercicio de dous dereitos, o das mulleres a interrompermos voluntariamente a nosa gravidez de acordo co disposto na lei de prazos, e o do cadro de persoal hospitalario a declararse en obxección de conciencia para non os practicar. “Este último feito lévanos a que en boa parte da rede hospitalaria pública galega non se practiquen abortos porque a maior parte do persoal declárase obxector de conciencia”.
O BNG pide crear dous centros de referencia para a atención á IVE
Mais hoxe o que propomos, recalcou a nacionalista, é a creación de dous centros de referencia en Galiza para a atención da Interrupción Voluntaria do Embarazo (IVE), “un, na zona norte e outro na zona sur, con persoal sanitario especializado, como garantía da execución dos protocolos internacionais sobre os Dereitos Sexuais e Reprodutivos” .
A creación dos dous centros de referencia supón un compromiso concreto para a garantía dun dereito fundamental como o aborto na sanidade pública e no interior do territorio galego, independentemente da semana de xestación na que se producir o aborto. Polo que instou á Xunta a “convocar prazas nas que se estabeleza como requirimento non declararse en obxección de conciencia e estabelecer un protocolo concreto que forneza as mulleres dunha atención axeitada nos abortos”. Protocolo que debe recoller nos casos concretos da interrupcións do embarazo a partir do segundo trimestre, a indución e o expulsivo nunha sala acondicionada con posibilidade de anestesia epidural e atención de profesionais de xinecoloxía e matrona, para alén de apoio emocional ao longo de todo o proceso abordando de maneira integral a saúde física mais tamén psicolóxica das mulleres.
Finalmente, a deputada reclamou do goberno galego dotar aos concellos do rural de profesionais de xinecoloxía nos Centros de Orientación Familiar de referencia para garantir a atención de todas as mulleres, sen discriminación algunha por razóns xeográficas, independentemente de que vivamos no rural ou en áreas urbanas.
O PP confirma que non recorrerá a sentencia contra o Sergas
Pola súa parte, a portavoz popular, Marta Rodríguez Vispo presentou unha emenda ao texto nacionalista co fin de crear un só centro de referencia para toda Galiza de atención a abortos a partir da 22 semana de xestación, emenda que a deputada do BNG rexeitou.
Vispo na súa intervención confirmou que o SERGAS non recorrerá a sentenza aludida pola nacionalista.