A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, salienta a importancia que ten para Galiza que o informe das rías galegas, que foi o resultado da investigación levada a cabo por unha delegación do Parlamento Europeo en Galiza en febreiro de 2013, volva a tratarse na Comisión de Peticións, en concreto na sesión que terá lugar a finais de xaneiro de 2019. “Fixen esta proposta porque non se cumpriu case ningunha das recomendacións europeas e queremos solucións ao saneamento das nosas rías”, afirma.
A decisión de debater novamente o estado das rías, que foi votada na Comisión de Peticións da Eurocámara, “é froito dun traballo que levamos facendo no Parlamento Europeo desde o minuto cero do escano, xa que o saneamento integral das rías é unha prioridade para o BNG”, explica Ana Miranda, quen denuncia o voto en contra do PP para que este tema volvera a ser tratado no Parlamento Europeo “cando persisten os problemas de saneamento nas rías galegas”.
A eurodeputada nacionalista avanza que seguirá traballando para que na sesión na que se tratará o informe poidan comparecer os peticionarios e expoñer os argumentos, os informes de situación e a avaliación de aplicación orzamentaria que levan anos trasladando por escrito á Comisión, en concreto, os das rías de O Burgo e Vigo.
Investimento insuficiente
“Neste momento estamos negociando os fondos para 2020-2027 cando se da a situación de que aínda non se aplicaron os fondos europeos pasados”, critica Ana Miranda, en referencia a unha das recomendacións do informe, que consistía en que a Unión Europea debe garantir o apoio financeiro necesario que permita a Galiza dar prioridade da forma máis eficaz e urxente aos programas e proxectos destinados á limpeza e saneamento das rías, obxectivo non cumprido porque non houbo suficientes investimentos do Estado.
Porén, a eurodeputada do BNG denuncia que “isto non se fixo nin polo goberno do Estado nin pola Xunta”, polo que considera indispensable, despois de cinco anos da emisión do informe, “dar contas á cidadanía galega e ao colectivos, plataformas e confrarías denunciantes cando sigue habendo grandes problemas de saneamento, en especial na ría do Burgo e na de Vigo”.
Problemas nas rías de Vigo e O Burgo
No caso de Vigo, Miranda explica que efectivamente se fixo a EDAR, pero matiza que o saneamento da ría non está completado xa que os aliviadoiros que existen son os mesmos que había hai anos, polo que a contaminación e os vertidos seguen existindo. No tocante á grave problemática de falla de saneamento integral e dragado prometido na ría do Burgo, sigue habendo graves problemas de saneamento, que implican forte perda de postos de traballo pola deficiente calidade da auga e impacto na saúde e no medio ambiente.
“Que o Tribunal de Xustiza Europeo condenara ao Estado Español a pagar unha multa de 12 millóns de euros pola tardanza en cumprir a normativa europea sobre tratamento de augas residuais pon de manifesto que o Bloque non se equivocou na súa denuncia cando en 2013 presentou no Parlamento Europeo a reclamación polo incumprimento de saneamento, afirma Miranda.
Para o BNG, que este tema volva á Comisión é unha oportunidade de corrixir aquilo que o PP non fixo a respecto do saneamento integral das rías, tendo en conta que son eixos fundamentais da economía galega que afectan tanto ao sector pesqueiro e de marisqueo como turístico.