A proposta defendida pola deputada do BNG, Mercedes Queixas acadou o apoio unánime do Parlamento galego ás demandas dos colectivos sociais e organismos internacionais para impulsar a Lei de bebés roubados no Estado español e axilizar a súa tramitación e aprobación no Congreso dos deputados.
A iniciativa do BNG, aprobada por unanimidade no seu primeiro punto, incluía un segundo que non acadou o apoio polo veto do PP e a abstención dos socialistas referido a : “Defender que a tramitación se faga respectando o texto orixinalmente introducido e non se desvirtúe con emendas que vaian en contra do espírito da norma”.
A nacionalista recalcou que proposta do BNG responde a unha demanda para defender os dereitos humanos e “a reparación”, e “recoñecemento de país e nais afectados, así como ás circunstancias do propio nacemento”.
Na súa intervención, tamén explicou que a pesar de non existir un número exacto de bebés roubados, as dilixencias de investigación emprendidas polo Fiscalía General do Estado, até o mes de marzo do ano 2021, ascendían a 2.139 e o que si podemos afirmar, dixo é que unha das actuacións da represión fascista foi “o roubo de bebés”, anulando a súa identidade biolóxica e entregados, sen consentimento, a outras familias para cubrir o oco da falta de descendencia ou cun mellor status. Esta entrega de bebés, recalcou Queixas, foi decidida por razóns “ideolóxicas, económicas ou morais”.
A xuízo da deputada “é hora de pór fin a este tráxico episodio inhumano da historia española” que abrangue desde o réxime franquista até a década dos noventa, caracterizada pola impunidade dos responsábeis e pola dor que acompaña o proceso de busca, que se acrecenta co tempo. O punto morto en que se encontra a gran maioría dos procesos, tal e como describen as protagonistas das historias documentadas no informe de Amnistía Internacional precisa “dunha resposta inmediata”.
Un comezo da fin desta impunidade albiscouse en setembro de 2018 cando se rexistrou no Congreso, admitida por unanimidade, a Proposición de lei sobre bebés roubados no Estado español e despois da disolución das Cortes, rexistrada de novo en setembro de 2020 atopándose na actualidade en trámite de emendas.
En xaneiro de 2022, engadiu a deputada, o Comité contra a Desaparición Forzada da ONU recomendou a España a pronta adopción desta Proposición de Lei de bebés roubados conforme o texto orixinal presentado, na medida en que se axusta ás recomendacións formuladas polos mecanismos internacionais e ás normas en dereito internacional dos dereitos humanos.
Dende o BNG, manifesto a nacionalista compartimos a preocupación polas prórrogas no trámite de emendas, a última vence o vindeiro 14 de decembro, que no fondo están a adiar o proceso de aprobación e por iso defendemos as demandas dos colectivos sociais e organismos internacionais para que se axilice e impulse a tramitación e aprobación polo Congreso da PNL de bebés roubados no Estado español. En opinión da deputada, todas as mostras de apoio a axilizar esta lei reforzarán a reparación e recoñecemento das nais e pais afectados polo roubo de bebés entregados sen o seu consentimento.