O deputado por Pontevedra, Luís Bará defendeu unha proposta na Comisión de Ordenación Territorial destinada a protexer a propiedade e uso público das fontes termais en Cuntis e incoar o expediente para a Declaración de Interese Cultural (BIC) co fin de impedir obras que cambien o seu estado e fluxo das augas das burgas.
A iniciativa nacionalista acadou un acordo “unánime” para a incoación do expediente de Declaración de Interese Cultural BIC das fontes termais de Cuntis.
Sen embargo, o resto dos puntos recollidos na proposta do BNG relativos a: “defender en todas as instancias a propiedade e uso público das fontes termais de Cuntis, realizar un informe histórico e arqueolóxico sobre as fontes e outros bens do patrimonio termal de Cuntis, para garantir a súa protección e conservación, e respectar os valores históricos e patrimoniais en todas as intervencións que se realicen nas fontes termais da rúa Real e Lume de Deus”, foron rexeitados polo Partido popular.
Na defensa da proposta, Bará explicou que o concello de Cuntis conta cun dos “acuíferos termais máis grandes de Galiza”, con 19 mananciais que xeran 2,5 millóns de litros de augas termais a unha temperatura media de 60 graos. Sen embargo, afirmou, a maior parte destes recursos están canalizados para unha empresa privada.
Desde hai máis de 10 anos, lembrou o deputado do BNG, a Plataforma Veciñal para a Recuperación do Patrimonio Termal de Cuntis vén denunciando a situación alarmante en que se encontran os recursos termais do Concello de Cuntis e segundo o propio colectivo as administracións local e autonómica “non están defendendo os bens e dereitos públicos nin están a traballar para a recuperación dos mananciais e burgas localizadas en dominio público porque están rexistradas como propiedade privada”.
Por outra parte, o nacionalista denunciou o “deterioro dun patrimonio cultural de grande valor, con orixe na época romana” como demostran diferentes estudos históricos e arqueolóxicos.
No caso da burga da rúa Real, localízase en dominio público da vila de Cuntis e ten uso público desde tempo inmemorial pero sobre ela “véñense producindo flutuacións do seu caudal e actuacións materiais, como a colocación dunha cadea e un tapón que provocaron o deterioro do aspecto da fonte, que data de comezos do século XIX. Ademais, cómpre ter en conta que na zona existen restos dun baño romano descuberto en 1831.
Polo que atinxe á burga do Lume de Deus tamén sofre flutuacións no seu caudal.
Como resposta a un escrito da Plataforma Veciñal na que se comunicaban diferentes actuacións irregulares, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Pontevedra elaborou un informe no que se dá conta da limpeza realizada na burga da rúa Real o pasado 31 de maio de 2022, das medicións do caudal, e da colocación de lousas de granito o día 12 de xullo de 2022. O informe tamén inclúe a proposta de substitución do actual cano por unha billa con válvula de peche para evitar a posíbel introdución de paus ou outros obxectos que poidan dificultar a saída da auga. Isto, dixo o parlamentario, interrompería, unilateralmente, o xeito de acceder a veciñanza á auga que lle corresponde é sen contrapartida e incrementaría o lucro por parte dunha empresa privada.
Por outra banda, a xuízo do deputado, chama a atención que estas actuacións coincidan co proxecto de “saneamento integral” presentado en 2014 pola empresa Termas de Cuntis, no que tamén se incluía a proposta de instalacións dunha billa con pulsador, e mesmo o deseño dos lavadoiros públicos municipais que se abastecen da auga termal de Lume de Deus.
Por todas estas razóns, o nacionalista insistiu en, “Defender en todas as instancias a propiedade e uso público das fontes termais de Cuntis, realizar un informe histórico e arqueolóxico sobre as fontes e outros bens do patrimonio termal de Cuntis para garantir a súa protección e conservación e respectar os valores históricos e patrimoniais en todas as intervencións que se realicen nas fontes termais da rúa Real e Lume de Deus.”
O portavoz popular, José Antonio Armada avalou as obras realizadas ao que o deputado nacionalista respondeu que o BNG seguirá defendendo que as termas sexan de dominio público e control publico ao igual que as augas e propuxo un modelo de xestión pública directa dos recursos termais ou ben un sistema de concesión privada obrigada a “pagar un canón polo lucro” e uso dun ben público.