parlamento galego

BNG acada un acordo unánime para alongar a 32 semanas o permiso de maternidade e paternidade das familias monoparentais

Olalla Rodil
Olalla Rodil
A proposta do BNG, aprobada por unanimidade, será trasladada ao Goberno español para modificar o artigo 48 do Estatuto dos traballadores co fin de ampliar o  coidado de fillos e fillas de xeito ininterrompido ou por períodos semanais dentro dos 12 meses de crianza

A portavoz de Dereitos sociais do BNG, Olalla Rodil defendeu unha Proposición non de lei para alongar o permiso por maternidade e paternidade das familias monoparentais a 32 semanas.

A proposta nacionalista,  aprobada por unanimidade na Comisión  de Política Social e Emprego celebrada no Parlamento galego, continuará o seu trámite co traslado ao  Goberno español solicitando modificar  a redacción actual do artigo 48 do Estatuto dos traballadores e inclúa “o recoñecemento do dereito das familias monoparentais a ampliar até as 32 semanas o permiso por nacemento e coidado de fillas e fillos”, permitíndolles exercer o dereito a alongar as semanas que lle corresponderían, de haber outra persoa proxenitora e  podendo exercer este dereito de xeito ininterrompido ou por períodos semanais, dentro dos 12 meses da crianza.

Na súa intervención, Rodil salientou que a proposta do BNG busca “avanzar  en materia de igualdade” nun ámbito central, “os coidados e dereitos das crianzas”.

 A deputada indicou que a iniciativa do BNG recolleu as achegas  da Plataforma de maternidades feministas (PETRA) e da Organización sindical, CIG  co fin de rematar cunha situación que discrimina ás familias monoparentais, encabezadas por mulleres en máis do 80%, e sobre todo, do dereito das súas crianzas a gozar do mesmo tempo de coidado da súa familia ao igual que as familias biparentais con dúas persoas proxenitoras.

O que propomos, dixo,  é  “alongar as semanas que lle corresponderían á outra persoa proxenitora para  exercer o dereito de coidado durante 32 semanas” porque coa situación actual unha familia monoparental, na maior parte das veces baixo a responsabilidade dunha muller,  ten que volver ao seu posto de traballo aos catro meses de parir e deixar ou ben con outra persoa familiar ou nunha escola infantil ao seu fillo ou filla. Esta situación, remarcou Rodil, non é a mesma no caso das familias con dúas persoas proxenitoras que gozan de dereito de coidado por nacemento.

Ao seu xuízo, esta situación discrimina ás familias monoparentais tanto as nais como as crianzas como recoñecen  dúas sentenzas xudiciais, en Galiza e Euskadi, “sentenzas pioneiras que protexen o interese superior do menor e recoñecen o dereito das nais a ampliar os seus permisos”.

Dende o BNG, afirmou a nacionalista, queremos “poñer fin a esta situación de discriminación cambiando a lei para que ningunha nai traballadora teña que recorrer á vía xudicial para gozar dos seus dereitos”.

Rodil mostrou a súa satisfacción polo apoio de todos os grupos parlamentarios á iniciativa do BNG.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG