O BNG acada o acordo do Parlamento para pedir a modificación do decreto de axudas ao sector da carne pola guerra de Ucraína

Mini Rivas
Mini Rivas

Mini Rivas exixe a rectificación do Ministerio e a inclusión dos becerros de vacún das explotacións extensivas de cebo tradicional nas subvencións

O BNG impulsou o acordo do Parlamento galego para que a Xunta reclame ao Goberno estatal a modificación do Real Decreto 428/2022 de axudas para compensar a determinados sectores agrarios polas dificultades derivadas da guerra de Ucraína, de xeito que se inclúan os “tenreiros cebados na mesma explotación de nacemento ou en cebadeiros comunitarios xestionados por produtores de vaca nutriz”.

Segundo advertiu o portavoz nacionalista de Agricultura, Mini Rivas, o decreto estatal discrimina ao sector galego xa que a meirande parte das granxas afectadas son pequenas e medianas, cunha orientación produtiva mixta, na que se combina a cría de becerros co mantemento das vacas nutrices da granxa.

“Excluír o cobro da axuda polos becerros e recoñecer só o cobro polas nais é unha maneira de penalizar un xeito de vida sostible dende un punto de vista ambiental, social e económico que só conduce ao empeoramento da situación de abandono do medio rural”, argumentou, para engadir a continuación que o Ministerio de Agricultura non ten en conta a realidade das granxas de vacún no norte peninsular e en especial das galegas. “É fondamente preocupante o presunto descoñecemento do sector que semella ter o ministerio, que considera o cebo de tenreiros neste tipo de granxas como unha actividade complementaria á da vaca nodriza”, incidiu.

O deputado nacionalista repasou en detalle os diferentes epígrafes do Real Decreto para evidenciar a exclusión das axudas dos becerros de carne das explotacións extensivas de cebo tradicional en beneficio dos cebadeiros e a gandaría intensiva de corte industrial.

Segundo recalcou, a exclusión das axudas dos xatos nados e finalizados na propia explotación “beneficia claramente aos cebadeiros -detentados por grupos financeiros cataláns e en Galiza por Coren- contravindo explicitamente as normas da UE” sobre protección, dinamización e apoio das pequenas e medianas explotacións familiares, a gandaría extensiva, a xestión do territorio, a fixación de poboación, a prevención dos lumes e, en definitiva, a sustentabilidade da actividade gandeira.

Rivas concluíu advertindo que a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega conta con arredor de 8.000 granxas que ceban os seus propios xatos e que quedan fóra destas axudas, polo que considerou urxente que o ministerio corrixa de inmediato o artigo 3 do Real Decreto e inclúa como beneficiarios da axuda por vacún de cebo aos tenreiros nacidos na propia explotación, tal e como se recolle nos puntos a e b do artigo 63 da lexislación da PAC. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG