Nun escenario sen maioría absolutas, no que cada voto conta, o BNG vai utilizar a súa representación no Congreso para determinar a política do Estado a favor de Galiza e para frear a involución democrática garantindo que non van gobernar “as dereitas españolistas”.
Con este obxectivo, a formación que lidera Ana Pontón presentou o seu programa electoral que sintetiza en 15 compromisos cos galegos e coas galegas que defenderá no Congreso a partir do 28A, co obxectivo de poñer fin á discriminación do goberno central ao longo dunha lexislatura na que a ausencia do BNG deixou ao país sen voz propia.
“15 compromisos para frear a discriminación o noso país e garantir que non van gobernar as dereitas españolistas, para poñer sobre a mesa unha axenda a favor de Galiza que acabe co agravio das forzas estatais e para ser freo á recentralización política e a involución democrática, dúas caras da mesma moeda”, resumiu a portavoz nacional, Ana Pontón.
Nun contexto sen maiorías, “estamos ante unha oportunidade de ouro para que os galegos e galegas sexamos determinantes na política estatal, e nese contexto os deputados e deputadas do BNG serán decisivos para determinar cara onde se inclina a balanza: Témolo claro: inclinaremos a balanza do lado de Galiza e dos valores de progreso e das liberdades”, indicou Pontón.
Os 15 compromisos que asume o Bloque empezan pola defensa de Galiza como nación e do recoñecemento da plurinacionalidade do Estado. Para empezar, propón unha negociación bilateral co Estado para o traspaso de competencias, -e superar a década de Feixóo con cero transferencias-, con dúas prioridades: AP9 e tráfico e seguridade viaria.
A tarifa eléctrica galega para reducir a factura da luz un 30% e unha tarifa electrointensiva para garantir o futuro de ALCOA e de todos os empregos ameazados polo custe enerxético, “porque aínda ninguén nós explicou porque Euskadi ten unha tarifa (euskopeaxe) que lle permite aforrar 60 millóns de euros as súas empresas mentres as forzas estatais consideran misión imposible a tarifa eléctrica galega”, alegou Pontón.
O saneamento das rías e o traslado de ENCE forman parte dos 15 compromisos prioritarios do BNG no Congreso, así como o pago da débeda de dependencia de 188 M€ que o Estado ten con Galiza.
En materia de financiamento, a formación nacionalista concreta os seus compromisos en tres medidas. Defensa dun novo sistema de financiamento autonómico que, a través dun concerto económico, permita recadar a totalidade dos recursos, determinar o seu destino con plena autonomía de gasto e deseñar unha fiscalidade que cumpra o criterio de progresividade.
2.000 millóns de euros contra os recortazos
En segundo lugar, reclamar do Estado un Plan plurianual de 2.000 millóns de euros ao longo da próxima lexislatura para compensar a Galiza polos recortazos de PP e PSOE nas contas xerais. E, tamén en materia de financiamento, aumentar o financiamento aos concellos para corrixir o agravio que soportan pois, a día de hoxe, reciben 50€ menos por habitante que a media estatal.
A modernización do transporte ferroviario, en particular na Galiza do interior, é unha prioridade a defender no Congreso con propostas concretas como reducir o prezo do billete no traxecto Ourense-Santiago-A Coruña, con tarifas até un 60% máis caras que nos traxectos do Eixo atlántico, plan de modernización do tren nas provincias de Lugo e Ourense, modernización do FEVE e da liña Ferrol-A Coruña e Vigo-Porto.
Promoción da lingua galega
O Porto exterior da Coruña libre de débedas para que os terreos do porto interior sexan devoltos á cidade está tamén entre os compromisos nacionalistas, así como a devolución do patrimonio espoliado polo franquismo, como o Pazo de Meirás, a Casa Cornide e as esculturas de Isaac e Abraham. Entre as 15 prioridades, a promoción da lingua galega por parte das estruturas culturais e dos medios públicos estatais.
En materia de igualdade, xulgados específicos contra a violencia de xénero nas sete grandes cidades e a defensa dos dereitos e liberdades colectivas e individuais concretando na derrogación das contrarreformas laborais, a Lei Mordaza ou a LOMCE e, desde logo, compromiso de ser muro de contención contra a involución para avanzar en dereitos.
Os candidatos e candidatas ao Congreso, Nestor Rego (A Coruña), Maite Ferreiro (Lugo), Iago Tabarés (Ourense) e Carme da Silva (Pontevedra) destacaron o seu compromiso de darlle voz propia a Galiza en Madrid, tras unha lexislatura no que o país estivo fora da axenda estatal.
DESCARGA: