O deputado do BNG Luís Bará criticou a “escenificación absolutamente hipócrita e oportunista” que supón a presencia dun membro do Goberno do PP no acto de celebración do Día da Galiza Mártir organizado na Caeira pola Fundación Alexandre Bóveda e o Concello de Poio. “Semella un intento de desvirtuar o significado da Galiza Mártir, de desnaturalizar o sentido profundamente político da obra de Bóveda e as razóns do seu asasinato, e de instaurar unha sorte de equidistancia propia dos discursos revisionistas”, denunciou.
O Bloque sostén que a Xunta do PP ten que decidir “se está ao lado das vítimas do franquismo ou se está do lado dos seus verdugos”, considerou Bará, que neste 17 de agosto vén de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego co obxecto de institucionalizar o Día da Galiza Mártir para honrar a Alexandre Bóveda e a todas as persoas perseguidas e asasinadas polo franquismo na Galiza.
“Non se pode estar na misa e na procesión. Non se pode seguir no discurso franquista dos dous bandos e da guerra fratricida. Non se pode celebrar un día e negar o pan e o sal todo o ano, como ocorre coas demandas do movemento memorialista galego”, advertiu Bará, concluíndo que “non se pode saír na foto do Día da Galiza Mártir e negar durante anos a súa celebración institucional”.
O Bloque considera que o Día da Galiza Mártir ocupa un lugar central no calendario da memoria histórica, unha data que honra a memoria e loita de Alexandre Bóveda e a de todos os homes e mulleres que coma el sufriron a persecución e o asasinato polo fascismo franquista español.
“Esta data foi instaurada en agosto de 1942 en Buenos Aires pola Galiza do exilio, que escolleu o día do asasinato de Alexandre Bóveda para simbolizar nel as arelas dunha xeración única e irrepetíbel, así como a devastación que o fascismo levou a cabo en Galiza en forma de asasinatos, cárcere, exilio, tortura, exclusión, depuración, vexacións, espolio, violacións e outras manifestacións de terror”, lembra na súa iniciativa Bará, que lamentou que reiteradamente o PP teña negado a oficialización deste día, demandada ao longo dos últimos anos por numerosas entidades e institucións.
“O PPdeG nega a mesma idea de memoria histórica e eliminou as políticas desenvolvidas no período 2005-2009”, afirmou neste sentido, engadindo ademais que o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a intención de derrogar a lei de memoria democrática e os gobernos autonómicos de coalición PP-Vox xa aprobaron acordos e medidas no mesmo sentido. De aí o contraditorio de que un conselleiro asista ao acto da Caeira. “Por moito que o PP intente branquearse e desviar a atención dos seus pactos vergoñentos coa ultradereita a realidade é teimuda”, insistiu.
É por iso que o Bloque volve presentar no Parlamento Galego unha iniciativa para institucionalizar o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir, na que se pide tamén organizar anualmente un acto institucional con motivo desta data e crear uns galardóns co obxecto de recoñecer a entidades e persoas cunha traxectoria destacada na recuperación da memoria histórica democrática galega.
Na mesma proposición non de lei reclámase o desenvolvemento anual dun programa de actividades para dar a coñecer a vida e a obra de Alexandre Bóveda e dos compañeiros e compañeiras de xeración que foron perseguidos e asasinados polo franquismo en Galiza.
Anulación da sentencia que condenou a Bóveda a morte
O BNG propón así mesmo que dende o Estado se promovan iniciativas para a rehabilitación de Bóveda e para a anulación da sentenza que o condenou a morte, así como para a anulación de todas as sentenzas, expedientes e sancións ditadas durante a Ditadura contra cidadáns e cidadás galegas por motivos políticos, ideolóxicos, de crenzas, de raza ou de diversidade sexual.
Desenvolver unha política pública da memoria histórica democrática en Galiza “baseada no dereito á verdade, á xustiza e á reparación que forman parte do dereito internacional” é outro dos puntos propostos na iniciativa asinada por Bará, partidario de crear no Goberno un departamento dedicado a esta tarefa encadrado na presidencia ou na vicepresidencia da Xunta.