Aymerich insta á Xunta a impugnar o Decreto que establece a quita para as preferentes

Aymerich denuncia  "conivencia" do Goberno galego e Novagalicia Banco para beneficiar os intereses bancarios fronte aos dos cidadáns.

O Portavoz de Economía do BNG, Carlos Aymerich instou hoxe á Xunta de Galiza a “impugnar o Decreto Lei” que o Goberno español ten previsto aprobar o vindeiro venres no caso de que impoña “unha quita” aos afectados das participacións preferentes.

Para o parlamentario, as condicións que aprobará o Goberno español o vindeiro venres, representa “unha nova burla” que sumou á “conivencia do Goberno galego e Novagalicia Banco” para impedir   unha solución ás  consecuencias económicas do que cualificou de  “fraude masiva” con  máis de 50.000 afectados en Galiza.

 As condicións da quita do Goberno español representan unha “nova burla” aos afectados

Aymerich insistiu na necesidade de buscar alternativas á situación xerada polas PPR entre as que destacou: a xestión da Xunta e o FROB para conseguir que NCG allane á demanda da Fiscalía, que a Xunta se persone en defensa dos intereses dos milleiros de galegos estafados e que ademais impugne o Decreto Lei.

Asemade,o nacionalista tamén denunciou as previsións do Memorando, asinado o pasado 20 de xullo entre o Goberno español e a Unión Europea, e considerou que as condicións establecidas no documento son claramente “beneficiosas para os Bancos” ao propoñer que os suscritores de preferentes ou subordinadas de bancos con capital público sufran a perda de valor dos seus títulos.

Neste sentido, explicou que os/as afectados/as polas preferentes serán obrigados a trocar os seus títulos a prezo de mercado, “ alguén que teña metido 100.000 euros neste produto cobrará 40.000 euros”.

O Goberno español e o ministro de Guindos seguen mentindo sobre as condicións das preferentes

O nacionalista cualificou de “cerimonia da confusión” do Goberno español e do ministro de Guindos anunciar que seguen negociando coa UE unha “quita” para os estafados das preferentes cando en realidade,dixo, dende o pasado 20 de xullo o Goberno de Mariano Rajoy “xa sabe o que vai facer despois do Memorando”

Feijoo beneficia a súa irma

Na súa intervención, Aymerich tamén denunciou a “arbitraxe” para tentar resolver cos afectados a fraude, “os árbitros non son imparciais nin especializados” e ademais, dixo, o Presidente da Xunta beneficiou á empresa privada Eulen, dirixida pola “súa irmá Micaela Núñez Feijoo” cun contrato de 85.000 euros para atender telefonicamente aos estafados.

Posible adianto electoral

A preguntas dos xornalistas sobre un posible adianto electoral en Galiza coincidindo coas eleccións en Euskadi, o parlamentario do BNG afirmou que, “Galiza non merece un goberno como este” e definiu a xestión de Núñez Feijoo de “fracaso” en materia laboral, sanitaria, asistencial e educativa, para ter un goberno así, engadiu, “que haxa eleccións e que sexa o pobo quen decida”.

Galiza non merece o Goberno de Feijoo, o pobo debe decidir un novo goberno para saír da crise

O dilema de Feijoo, dixo, é “como podo seguir no machito”, e para conseguilo “non terá escrúpulos” en modificar o que sexa necesario, concluíu.

 

 

 

http://youtu.be/_2OV3MGXisg

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG