O Informe sobre os retos para garantir o dereito humano á auga, do que Ana Miranda é co relatora, vén de ser aprobado na Comisión de Medio Ambiente da Asemblea Parlamentaria Euro-Latinoamericana (EuroLat), que esta semana se celebra en Bruxelas. Este documento, do que a eurodeputada do BNG é relatora xunto á deputada arxentina Julia Perié, subliña a necesidade de facer efectivo o dereito á auga como dereito humano ao mesmo tempo que critica que máis de 1.100 millóns de persoas non teñen acceso a auga potable.
“Non é normal que a día de hoxe nenos e nenas teñan que transportar a auga durante quilómetros antes de ir á escola”, manifestou Ana Miranda en relación á experiencia contada en primeira persoa por unha das deputadas integrantes do Eurolat, a senadora Rivera, quen relatou que esa era a súa experiencia diaria sendo nena.
Tanto Miranda como Perié consideran fundamental que o dereito á auga sexa considerado como un dereito humano. Salientaron que o informe fai fincapé en tres obxectivos esenciais para o acceso sen restricións á auga potable segura e ao saneamento, como son a dispoñibilidade, xa que debe haber un subministro continuo de auga potable en cantidades suficientes para uso doméstico e persoal. En segundo lugar, a calidade, en tanto que debe ser segura para o consumo. E en terceiro lugar a accesibilidade, que defende que tanto a auga potable como o saneamento deben estar a disposición de todas as persoas sen discriminación de ningunha clase.
O informe, ademais de instar a protexer ás persoas que defenden os dereitos humanos e á sociedade civil que traballa pola promoción e a protección dos dereitos á auga e o saneamento, pide aos Estados e ás organizacións internacionais que faciliten recursos financeiros para subministrar auga potable segura, limpa, accesible e saneamento para toas as persoas.
Iniciativas en defensa do saneamento
Na súa intervención Miranda sinalou os problemas de saneamento que arrastran as rías galegas, que teñen levado ao BNG a desenvolver diversas iniciativas. Precisamente foi a eurodeputada nacionalista quen presentou ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo a denuncia polo deficiente saneamento das rías galegas e quen propiciou asemade a visita dunha delegación internacional de deputados europeos a Galiza en 2013 para comprobar in situ o seu estado. Ademais, Miranda promoveu unha segunda visita á Ría do Burgo en marzo de 2019 xunto ao eurodeputado letón Miroslavs Mitrofanovs, así como dúas conferencias sobre a auga, unha en marzo de 2019 en Bruxelas e outra en maio de 2019 en Caldas de Reis. Se ben estas só son algunhas das iniciativas nacionalistas na promoción do saneamento da auga en Galiza, dan conta da preocupación do BNG pola protección do medio ambiente en Galiza.