No mitin de Ourense a portavoz nacional, Ana Pontón, ironizou sobre a presenza de turistas electorais que visitaron a cidade estes días de campaña, desde a “tiisima do reconquistador” ao ministro de Exteriores pasando polo propio candidato do PSOE, Pedro Sánchez, “enchendo unha botella de auga na fonte das Burgas”.
Visitas de campaña que non fan que esquezamos, dixo, o agravio destes catro anos, primeiro co PP, despois co PSOE.
“Estamos cansos da discriminación das forzas estatais, esas que agora nos falan de voto útil, voto útil para quen, para Casado, para Sánchez?”, interpelou, “por iso, temos que votar como galeg@s enchendo as urnas de papeletas do BNG porque somos garantía de darlle voz a Galiza no Estado e garantía de frear á dereita antigalega quitándolle a Vox e a Ciudadanos os escanos que lles disputamos nas enquisas”, apelou Pontón.
A dirixente nacionalista deixou claro que “hai alternativa a esa foto dos catro machos-alfa da política que nos queren vender dende os platós de televisión, unha alternativa de país, capaz de facer que sexamos decisivos no Estado e capaz de pararlle os pés a dereita antigalega. Esa alternativa é o BNG e, por iso, cando PP e PSOE vos veñan coa milonga do voto útil mostrádelle a papeleta do Bloque”.
Neste sentido, Pontón desmontou a falacia do argumento coas que as forzas estatais coinciden en pedir o voto. “Anda Feixóo e Casado por un lado e Pedro Sánchez polo outro a voltas co voto útil. Eu pregúntome, útil para quen? Que utilidade tiveron as forzas estatais, - vellas e novas -, para esta cidade, para esta provincia?”.
“Foron útiles PP e PSOE para subirlle a pensión ás persoas maiores en Ourense e en Galiza, evitaron a emigración da xente moza nunha provincia que ten un problema de envellecemento da poboación, lograron que o Estado aportase os 188 millóns de euros que nos deben en dependencia, conseguiron acabar coa estafa que supón o prezo do AVANT, aportaron os investimentos que Ourense precisa? O que si nos deron foi PP un recortazo de 442 millóns de euros e PSOE un recortazo a 750 millóns de euros co apoio de En Marea-Podemos”, enumerou a líder nacionalista.
Voto inútil ás forzas estatais
Por iso, con esta folla de servizos, “cando PP e PSOE falan de voto útil, decídelle alto e claro que non hai nada máis inútil para Ourense, para Galiza que votar as forzas estatais que nos estiveron discriminando ano tras ano, que fan o contrario do que din. Poden vir agora facerse as fotos que queiran en campaña, o retrato dos feitos é o que vale”, salientou.
Pontón ironizou sobre os efectos da recentralización que promove a dereita españolista: “Que teña coidado Baltar porque con tanto centralismo de Pablo Casado e dos seus socios da extrema dereita vanlle quitar a deputación!”.
Pola súa parte, o candidato ao Congreso por Ourense, Iago Tabarés, insistiu no “valor dobre” do voto BNG, “o único capaz restarlle escanos á dereita antigalega e, ademais, garantía de que esta provincia vai ter voz propia no Congreso nun escenario sen maiorías absolutas no que seremos determinantes na política do Estado, e usaremos esa forza a favor de Ourense”, comprometeuse.
Tabarés reflexionou sobre o feito de que “moita xente botou de menos ao BNG en Madrid, botou en falta unha voz sen ataduras capaz de dar a cara polos intereses do país”, indicou, e esa reflexión é compartida mesmo por quen non escolleu a papeleta nacionalista en 2016, “pero que sabe da importancia de ter voz propia no Congreso”, argumentou.
Mobilizar ás persoas indecisas
Por iso, “estou seguro de que a discriminación destes catro anos vai estar moi presenta na cabeza e no corazón de moitos veciñas e veciñas desta cidade e desta provincia á hora de votar o 28A”. “Para que o 29 de Abril non vexamos con envexa o que conseguen outros territorios, fagámonos valer e para iso está o Bloque”, recalcou o candidato.
Tabarés e Pontón coincidiron en facer un chamamento á mobilización nestes últimos días de campaña. “Témolo ao alcance da man. Por iso, esta semana pídovos que nos multipliquemos, que redobremos a mobilización, con ilusión, cun sorriso na boca, que falemos con todo o mundo, que chamemos a todas as portas”, apelou a líder do BNG.
A todas eses milleiros de galegos e galegas que aínda non teñen decidido o voto, “temos que ser capaces de transmitirlles que estamos nun momento excepcional, que podemos cambiar as regras de xogo, acabar coa discriminación e darlle a Galiza o peso que lle corresponde optando polo BNG este domingo”, proclamou Pontón.