Organizaciòn

Ana Pontón: "Traballaremos para ser a alternativa ao PP en 4 anos"

Romaría do BNG
Romaría do BNG
  • Pregúntalle a Feijóo se vai dicirlle a Cifuentes e Rajoy que Galiza non porá un euro para rescatar as radiais madrileñas. “A única autoestrada que queremos rescatar é a AP-9”, indica
  • Acto de celebración ante medio millar de militantes e simpatizantes para a presentación do grupo parlamentario

O BNG elixiu o compostelán parque de Belvís para congregar a máis de medio millar de persoas nun xantar popular coa presenza do grupo parlamentario para agradecer a militancia e simpatizantes o seu traballo, “con ilusión e con entrega”, que foi parte fundamental no resultado electoral do 25S.

“O motor do cambio, da corrente de simpatía e entusiasmo que abrimos ao noso redor é o resultado de cada militante que colgou bandeirolas, de quen repartiu panfletos, da nosa labor nos concellos, nas deputacións, coas que cada dia demostramos con feitos que o BNG é un proxecto con ideas e principios capaces de facer que Galiza avance e progrese”, explicou a portavoz nacional, Ana Ponton.

Con ese impulso, a dirixente nacionalista avanzou que o BNG vai traballar desde o Parlamento e desde a rúa para liderar a alternativa de cambio ao PP e a Feijóo en catro anos.

Romaría do BNG“Estamos traballando desde xa para liderar a alternativa que sitúe ao Bloque como referencia do cambio que máis cedo que tarde vai producirse na Galiza. Traballaremos para emerxer dentro de catro anos con máis forza e situarnos como a alternativa que derrote á dereita e ao centralismo, e abra un novo ciclo para o país”, indicou, e para iso, indicou, é preciso seguir sumando ao proxecto de país que representa o BNG.

“Temos que sumar máis persoas, máis militantes, mais tamén simpatizantes, unha rede de colaboradoras e colaboradores que nos fortalezan porque esa é a clave para avanzar”, alegou.

Pontón considera que os resultados do 25S “son un paso adiante para a consolidación do proxecto nacionalista, vento nas nosas velas que nos ten que permitir avanzar cara o noso obxectivo: unha Galiza dona do seu futuro, próspera, con igualdade, liberdade e vida digna”, indicou na súa intervención política ante a militancia, precedida das palabras dos e das deputadas electas Montse Prado, Olalla Rodil, Noa Presas, Xosé Luís Rivas e Luís Bará.

“Imos dar o mellor de nós mesmas e traballar con honestidade, unión e rigor en defensa dos intereses de Galiza e para mellorar a vida das que vivimos neste marabilloso país”, subliñou a que será tamén portavoz parlamentaria.

A dirixente nacionalista fixo referencia a intención do goberno central de rescatar as autoestradas madrileñas o que suporía, segundo estimación do propio Ministerio de Fomento, un desembolso de ata 8.000 millóns de euros que iría a parar aos actuais propietarios das chamadas “radiais”, a gran banca e as grandes construtoras madrileñas.

Pontón interpelou a Feijóo para que deixe claro que a única autoestrada que hai que rescatar é a AP-9.

“A pregunta é clara. Vai Feijóo atreverse a dicirlle a Cifuentes e a Rajoy que non se vai destinar nin un só euro dos galegos e das galegas para rescatar esas nefastas autoestradas madrileñas? Desde o BNG témolo claro, a única autoestrada que hai que rescatar é a AP-9 para acabar coa estafa legalizada das peaxes máis caras do Estado que se lle aplican a miles de persoas a diario por circular por este país sen ter outra alternativa”, explicou.

Para a dirixente do Bloque, “Feijóo debe dicir se está do lado de Galiza ou do lado do PP e dos intereses da grande banca e das construtoras madrileñas”, ao tempo que tamén lamentou que os 25 deputados ou deputadas escollidos en Galiza se limiten a seguir as estratexias dos partidos estatais ignorando os intereses das persoa ás que din representar.

Por iso, o empeño do BNG “en seguir traballando para romper co centralismo e a sumisión e poñer en marcha unha alianza galega en defensa dun novo marco que garanta traballo digno, servizos públicos e o fin da emigración forzosa”.

Entre as prioridasdes da formación nacionalista, avanzar nun novo estatus para Galiza co control dos propios recursos e evitar recortes en educación, en sanidade metres o Estado recauda 3.000 millóns de euros máis do que invisten, ou que 15.000 millóns do aforro emigren cada ano, mentres autonómos ou outros proxectos non teñen crédito para financiar os seus proxectos.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG