A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anunciou hoxe o voto en contra ao teito de gasto do Partido popular porque “ limita o investimento e non cubre as necesidades dos servizos públicos, emprego e dependencia”.
Pontón afirmou que a subordinación de Feixóo a Pablo Casado fai que Galiza perda centos de millóns de euros en financiamento e cualificou o teito de gasto de “corsé” que persiste nos mantras neoliberais. Estes orzamentos “non resolverán que miles de persoas teñan que apertarse o cinto para pagar as facturas e cobrar os salarios máis baixos”.
A nacionalista cuestionou un marco que prima os intereses dos bancos, por riba dos intereses das persoas. Dende o BNG, dixo, consideramos que a economía debe estar ao servizo das persoas, e non ao revés. Nesta liña, rexeitou que sexa Madrid e Bruxelas quen deciden sobre aspectos clave da economía galega, os seus servizos públicos, cantos profesores e médicas podemos contratar, ou cantos recursos podemos destinar á creación de emprego.
Na súa intervención, a portavoz do BNG dirixiuse ao conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, ao que preguntou se está satisfeito co seu papel no Consello de Política Financeira e Fiscal porque, ao seu entender, “o conselleiro foi a votar non a unha proposta para incrementar capacidade de investimento, senón, única e exclusivamente o que decidiu Pablo Casado” e nin sequera conseguiu “condonar a débeda da Coruña”. Polo contrario, o Goberno Valenciano negociou o cambio de voto no Consello fiscal e conseguiu 850 millóns de investimento! Que conseguiu vostede para Galiza? reiterou Pontón. “Non cree que sería moito mellor poñer sobre a mesa as propostas que a Galiza lle interesa e deixar de ser reféns dos intereses do PP e de Pablo Casado?”.
O PP CONDUCE A GALIZA Á IRRELEVANCIA POLÍTICA
A súa política económica, conduce a Galiza á “irrelevancia política” e isto tradúcese en discriminacións e agravios. “Primeiro co PP e agora co PSOE”. Neste sentido lembrou que os resultados da austeridade “non fan que Galiza progrese, sitúaa nunha posición de desvantaxe”, o deserto demográfico avanza, Galiza perde poboación, seguimos tendo emigración e segundo a EPA desde que goberna Feixóo a taxa de desemprego incrementouse en dous puntos, un 15,7% máis.
Pero sen dúbida, engadiu, o peor comportamento é o das persoas ocupadas, menos emprego que antes da crise!!! e cun panorama para a mocidade desalentador: O maior descenso da ocupación prodúcese entre a xente moza, hai menos xente nova con traballo, “a súa austeridade deixa un burato de 151.000 mozas e mozos menos con emprego”.
Para Pontón os datos tamén confirman o aumento das desigualdades cunha fenda salarial que sigue medrando e provocando que as mulleres cobremos de media case 5.500 euros menos que os homes e iso, dixo, “que Feixóo prometeu acabar coa fenda salarial”.
Sobre a débeda pública, a portavoz nacionalista negou que o PP sega afirmando que a reduce cando en realidade, dende que goberna Feixóo, a débeda alcanza os que 15.000 millóns de euros, “triplicaron a débeda” polo que pediu, menos “posverdade e máis realismo”.
Ademais os nosos servizos públicos padeceron drásticos recortes e privatizacións, “ temos menos médicos, menos profesores, máis listas de espera e miles de dependentes sen a atención á que teñen dereito”. E a pesar desta situación, hoxe ven o conselleiro facendo de discípulo de Feixóo, “o Presidente-Profeta da posverdade,” a repetir a mentira de que nunca estiveramos tan ben. “No BNG temos claro que outra Galiza é posíbel se mudamos o rumbo, por iso non podemos apoiar esta proposta de teito de gasto”.
Necesitamos un novo modelo de financiamento para poñer en marcha unha fiscalidade xusta e recadar os impostos. Esta proposta permitiríanos ter máis recursos para sanidade, educación, dependencia ou impulsar un novo modelo produtivo baseado en pechar ciclos produtivos e na innovación. Este teito de gasto, “deixa ao descuberto un sistema de financiamento inxusto con Galiza” xa que as aportacións por este modelo só serán incrementadas nun 0,8% a pesar de que o Estado prevé unha subida dos ingresos dun 5,7%.
TARIFA ELÉCTRICA GALEGA
Pontón anunciou que o BNG volverá a traer ao Parlamento a creación da tarifa eléctrica galega para beneficiar ás persoas usuarias e empresas. Despois de dicirnos o Sr. Feixóo que a tarifa vasca non existe, “Bruxelas autoriza a factura da luz da industria vasca” cunha rebaixa de 120 Millóns na tarifa das súas empresas e iso que non existía, ironizou. A portavoz nacionalista criticou que o Partido popular prefira a “posverdade á realidade” xa que hoxe mesmo soubemos que o Tribunal Supremo lle esixe ao goberno que suba a luz a todos os galegos e galegas como consecuencia das políticas enerxéticas do Partido popular.
Dende o BNG, “reclamamos que paren este tarifazo” porque é un “escarnio” que paguemos a luz máis cara sendo produtores de enerxía polo que anunciou a presentación de novas iniciativas para abordar o debate da tarifa eléctrica galega porque non podemos permitir que “mexen por nós e digamos que chova”, concluíu.