A portavoz nacional, Ana Pontón, remitiu unha carta ao presidente da Xunta na que lle solicita un encontro entre ambos no que abordar un gran acordo de país en materia de política forestal, acordo que permita corrixir os erros de décadas e establecer as bases para un monte limpo, ordenado e multifuncional como mellor antídoto contra os incendios e a favor dun rural vivo.
“Solicítoche que podamos manter un encontro onde poder trasladar as propostas que o BNG ten en materia de política forestal, e poñer en marcha un grande acordo de país que sente as bases para unha nova política forestal, que deixe atrás os erros cometidos durante as últimas décadas”, explica Pontón na misiva enviada a Monte Pío.
A nacionalista indica no texto da carta que o Bloque ven propoñendo desde fai anos un cambio na política forestal do país, e a catástrofe “humana e ambiental” que ven de sufrir Portugal fai imperativo “sentarse a dialogar”.
“Desde o BNG vimos insistindo na necesidade de facer un grande acordo de país que lle dea un xiro de 180 grados á xestión do monte”, subliña, ”sabemos que os cambios precisan tempo, mais é urxente sentarse a dialogar para poñer en marcha unha xestión do monte adaptada á nosa realidade, que pense no interese xeral e deixe de hipotecar o noso futuro polos intereses de empresas contaminantes como Ence”.
Pontón traslada a Feijóo que non é posible “ser alleos” á situación que vive Portugal, e considera obrigado “tirar conclusións que axuden a evitar que unha situación semellante poda volver producirse dun lado ou doutro do Miño”, argumenta na carta.
Neste sentido, fai fincapé nas similitudes da realidade territorial e forestal entre Galiza e o país veciño: Abandono do rural e do monte, falta de ordenación forestal, fortísima presenza de especies foráneas e pirófitas (eucalipto e piñeiro), desestacionalización dos incendios, precarización das condición de traballo e do propio servizo de prevención e extinción de incendios forestais.
“A ninguén se lle escapa que na Galiza e en Portugal partillamos unha realidade forestal-territorial que ten grandes similitudes (...) e convén tomar nota do acontecido e poñer en marcha un cambio de rumbo na política forestal e na loita contra os incendios”, alega, de aí a carta para solicitar un encontro ao máximo nivel e empezar a sumar en aras dun gran acordo de país en materia forestal e de ordenación do monte.
Pola súa parte, o portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, salientou que tras o dramático incendio no país luso, “a proposta da portavoz nacional ao presidente da Xunta é de puro sentido común, hai que sentarse a falar e chegar a un gran acordo de país para ordenar o noso monte”.
Rivas, man tendida de Pontón a Feijóo
Pola súa parte o portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, salientou que non se pode continuar “como se nada tivese pasado, cando as causas que provocaron esta traxedia en Portugal repítense todas no noso país: descontrol das plantacións de eucalipto, un monte que está literalmente a monte, un rural abandonado, non se cumpren as franxas de protección en vivendas e nas infraestruturas”.
Neste sentido, indicou, “a proposta da portavoz nacional ao presidente da Xunta é necesaria, urxente e oportunísima: sentarse a dialogar para negociar un acordo de país en materia forestal e territorial e impedir que se repita aquí unha traxedia como en Portugal, porque as condicións danse, son as mesmas. Eu que vivo no rural, en Boirmorto, e collo a diario as estradas polo interior para chegar antes a Santiago, se me pilla un lume, estou perdido, estou perdido. E nunca antes o pensara, pero é unha realidade”, alegou.