A portavoz nacional, Ana Pontón, ironizou coas críticas do presidente da Xunta ao acordo logrado polo BNG que considera de “garrafón”, asegurando que está afectado por unha mala dixestión dun pacto que é unha boa noticia para Galiza pero mala para o PP.
“Dáme a impresión que o que lle pasa ao señor Rueda é que ten unha soberana resaca, unha resaca de campionato porque non é capaz de dixerir un acordo do BNG que impulsa a axenda galega no Estado e que mellora a vida dos galegos e galegas”, replicou na comparecencia para explicar as repercusións do pacto para Santiago, contrapoñendo a político “útil” do Bloque coa inutilidade política dun xefe do Executivo que non logra defender os intereses do País ante Madrid.
Pontón lamentou que Galiza conte nestes momentos cun presidente que está “á contra e descolocado” ante un acordo do BNG que fai o que non é capaz de facer como presidente e limítase a criticar e a estar “enfadado” pese aos beneficios logrados, de aí a petición da líder nacionalista de que se non é capaz de achegar nada, cando menos que non poña paus nas rodas ao avance de Galiza simplemente porque lle moleste que o BNG consiga melloras para os galegos e as galegas," reclamou.
Pontón presentou xunto ao deputado no Congreso, Néstor Rego, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, os beneficios do acordo para Santiago, que a propia rexedora cuantificou en 14 millóns de euros só de investimento directo.
“Santiago gana porque contará con máis medios para loitar contra a violencia machista, para avanzar en igualdade e liberdade, en feminismo, porque terá máis recursos para construír a nova EDAR, unha infraestrutura básica para esta cidade, gana porque recibe máis fondos para conservar e rehabilitar o seu extraordinario centro histórico”, destacou Pontón.
A portavoz nacional tamén subliñou que o acordo trae a Compostela melloras substanciais nas infraestruturas por estrada e por tren, ademais do simbolismo de darlle a estación intermodal o nome dun dos galegos máis ilustres, -Daniel Castelao-, contribuíndo á difusión e ao coñecemento da obra deste artista universal desde a capital de Galiza.
“En definitiva, Santiago e a súa veciñanza ganan con este acordo, ganan coa política útil do BNG que utiliza a súa forza no Congreso para mellorar a vida da xente, en positivo e sei que Goretti, como alcaldesa, vai aproveitar ao máximo ás oportunidades que este acordo achega a Compostela”.
Pontón destacou o seu convencemento de que a política ten que axudar a resolver problemas e ten que servir para mellorar a vida das persoas e, por iso, amosou o seu “orgullo” polo acordo logrado que está segura tamén comprace á maioría dos galegos e das galegas, “votasen o que votasen nas eleccións xerais pero que queren que Galiza conte ante o Estado”, concluíu.