“Non imos aceptar que a transferencia da AP-9 sexa unha transferencia minguada e de segunda”. Con esta rotundidade se pronunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, ante a proposta socialista de que a autoestrada galega siga sendo de titularidade estatal e só se traspase a Galiza a súa xestión.
"Non imos aceptar este agravio, este trato discriminatorio para Galiza”, advertiu, para lembrar a continuación a transferencia “plena” a Euskadi e Cataluña de autoestradas similares á AP9, mentres no caso galego “todos son paus nas rodas”. “Tivemos paus nas rodas por parte dos Gobernos do PP e agora vemos a un Goberno socialista que quere facer unha transferencia a medias e que claramente significa unha tomadura de pelo para os galegos e as galegas”, reprobou.
Para a portavoz nacional, o que se pretende dende o Executivo central “é facer unha transferencia minguada, como se os galegos e as galegas non puideramos xestionar as nosas autoestradas e tiveramos que estar pendentes do que decidan en Madrid”.
Por iso, nunhas declaracións realizadas na manifestación ante o Pazo de Meirás convocada por Iniciativa Galega pola Memoria, quixo enviar unha mensaxe clara dende o BNG: “esa transferencia, pola que levamos tanto tempo loitando, ten que facerse con plenitude e non pode ser unha transferencia de segunda”.
Neste sentido, tamén advertiu ao Goberno de Pedro Sánchez que leva seis meses facendo esperar aos galegos e galegas para aplicar as rebaixas nas peaxes pactadas co Bloque no acordo de investidura. “Seis meses onde non fai esperar ao BNG, fai esperar aos galegos e ás galegas”, recalcou logo de criticar que, por riba, pretenda impoñer peaxes tamén nas autovías. “É unha medida regresiva para a maioría social e que penaliza tamén á nosa economía”, concluíu.