- O BNG propón como obxectivo que a lei para a transferencia da AP-9 sexa aprobada polo Parlamento no mes de maio
A portavoz do BNG, Ana Pontón acusou hoxe a Núñez Feijóo de responder ao “enésimo atropelo de AUDASA” botándolle a culpa dos atascos a Zapatero e ao mesmo tempo anunciando que continuarán as subidas das peaxes o vindeiro ano. É dicir, ante os abusos de AUDASA, dixo, “Feijóo en vez de defender aos galegos e galegas e os seus intereses, convertese no seu principal valedor”.
No mes decembro, explicou, a nacionalista, De la Senra e Núñez Feijóo reuníronse co posterior anuncio de constituír unha comisión da AP-9 bilateral. Trala reunión, o propio ministro de Fomento recoñecía que a xestión da AP-9 era “moi mellorable” e catro meses despois, cál é o resultado desa comisión?. O resultado son “máis atascos e peaxes” e o que queremos saber é que papel vai desempeñar a Xunta de Galiza na “coxestión” da autoestrada. Cando se producen os atascos que “secuestran a miles de condutores e condutoras atrapados nas cabinas das AP-9 hai que dar resposta. dende o BNG témolo claro, recalcou, “ hai que levantar as barreiras” pero para Feijóo e o Partido popular parécelle lóxico ter a atrapados a miles de condutores na AP-9 durante unha hora.
Si existe esa comisión bilateral, engadiu, debe defenderse un protocolo que obrigue a AUDASA a abrir as barreiras durante os atascos. Todo o que está acontecer reforza a posición do BNG na reclamación da “transferencia da AP-9 a Galiza” e por iso, mañá mesmo , proporemos na Comisión de Ordenación territorial establecer un calendario de tramitación da AP-9 para que no próximo mes de maio quede aprobada a solicitude da súa transferencia. Esta medida, recalcou a portavoz, remataría coa posición “ chulesca e prepotente de AUDASA coa AP-9” e tamén sería o primeiro paso para rematar “coas abusivas peaxes que pagamos por circular pola principal vía de comunicación do noso país”.
A nacionalista avanzou que no vindeiro pleno, o BNG preguntará polas negociacións entre Galiza e o Estado relacionadas coa mellora dos servizos públicos. Nesta liña, denunciou que a “submisión de Núñez Feijóo aos intereses do PP é un artigo de luxo que nos sae moi caro, 4.000M€ ao ano”. Esta cifra, explicou, é produto de non defender un concerto económico que nos permitiría contar con 3.500M€ para mellorar a Sanidade, a Educación e a creación de emprego e 140 M€ que pagamos anualmente en peaxes. Por outro lado, dixo, hoxe mesmo coñeciamos que debemos pagar “a mochila do rescate das radiais madrileñas entre 3.500 e 5.000 M€ que sairán dos impostos de todos os galegos e galegas”.
Ana Pontón tamén censurou que o presidente da Xunta negue para Galiza unha “tarifa eléctrica galega”, cando as empresas vascas aforran 10 millóns de euros a través dunha tarifa propia. Pontón sumou a todos estes agravios o “recortazo” dos Orzamentos do Estado que deixa a Galiza sen 442 M€ para modernizar a rede ferroviaria galega e atender outras necesidades como o saneamento das rías.
A portavoz do BNG censurou que o PP defenda na vindeira sesión plenaria unha proposta para modernizar o tren entre Coruña e Ferrol e avanzou que o BNG proporá que os deputados e deputadas populares electos por Galiza, presenten unha emenda aos Orzamentos do Estado para defender cartos para esta modernización. Si queren ser consecuentes con esta proposta, deben dicirlle alto e claro a Rajoy “que non aprobarán os orzamentos se non é recollida esa partida. O resto é pura foguetería e propaganda”.
Entre as propostas do BNG para o vindeiro pleno Ana Pontón tamén avanzou a derrogación da orde que regula os centros concertados por representar un paso máis cara a privatización do ensino e continuar cun modelo “machista e segregacionista”, reclamar unha “fiscalidade xusta” para os emigrantes retornados”, e a defensa dunha moción para que a Xunta actúe ante os incumprimentos da concesionaria das ambulancias en Galiza, xestión que está a ser investigada xudicialmente.
Xa no apartado das preguntas ao goberno, o BNG interpelará ao Executivo sobre o aumento dos incendios na provincia de Ourense e como avalía a evolución do emprego no noso país e a súa precarización.