- Ana Pontón pregunta a Feijóo polos resultados da comisión bilateral Xunta-Fomento, “premio de consolación” polo veto do Congreso á transferencia
- Advirte que a concesionaria prepara novas subidas dunhas peaxes que xa figuran entre as máis caras de todo o Estado
Retencións dunha hora e colas de ata cinco quilómetros atrapando a miles de usuari@s en Semana Santa son para o BNG unha nova mostra “da prepotencia e do desprezo” co que AUDASA presta o servizo da AP9, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, “un novo capítulo dos abusos e do mal funcionamento da concesionaria”.
Ante esta situación, o Bloque toma a iniciativa con catro propostas inmediatas que levará ao Parlamento para evitar que no verán se repita “o secuestro” de centos e centos de persoas ante as cabinas de peaxes.
En primeiro lugar e de xeito inmediato, sancionar á concesionaria “por un servizo de terceira mentres pagamos unha das peaxes máis caras do Estado”. Neste sentido, Pontón propón sancións efectivas “porque xa está ben de anuncios de boquiña que só quedan en titulares pero non corrixen os abusos da concesionaria”.
En segundo lugar, o BNG pide un protocolo de actuación ante os atascos cunha medida concreta: levantar a barreira das peaxes cando as retencións superen o quilómetro, “como pasa en moitas autoestradas do Estado”. Como terceira medida, baixar as peaxes en todos os tramos que estean en obras, “porque pagamos peaxes de luxo por circular en condicións que distan moito de ser de autoestrada e mesmo son perigosas”, alega.
Finalmente, a cuarta medida para mellorar o servizo da AP9 pasa por esixir á concesionaria a recuperación de todo emprego perdido ao longo dos últimos anos, en particular nas cabinas de peaxe.
O obxectivo é evitar que usuarios e usuarias volvan quedar atrapados en atascos quilométrico na principal vía de circulación do país, ante o desprezo e a desidia da concesionaria “sen que nin Fomento, nin a Xunta movesen un dedo”, criticou a portavoz do Bloque.
Pero o BNG tamén advirte de que os 380.000 euros de facturación diaria de AUDASA non parecen ser suficiente para unha concesionaria “que só ve Galiza como un lugar onde facer caixa”, e Pontón xa advirte contra posibles incrementos das peaxes coa xustificación das obras de ampliación da Ponte de Rande ou nos accesos a Santiago, por citar as máis importantes.
“Neste país parece que hai dúas formas de estafar, a estafa que se realiza fora da lei, e a estafa a través do BOE, como sería este caso cos decretos aprobados no 2011 e no 2013 tanto polos gobernos centrais do PSOE como do PP, nos que se consolida un negocio redondo para AUDASA, pero ruinosos para Galiza”, indicou a portavoz nacionalista.
Comisión pantasma
A dirixente do Bloque tamén vai pedir a Feijóo que explique cales foron os resultados da comisión bilateral Fomento-Xunta da AP9 catro meses despois do seu anuncio, “como premio de consolación tras o vergoñento veto ao debate no Congreso da transferencia desta infraestrutura, nada menos que pola deputada por Pontevedra Ana Pastor”.
“É unha comisión pantasma, porque que pasou coas promesas de que o Estado ía asumir o pago dos 6M€ da rebaixa das peaxes da Barcala e de Rande?, onde están os descontos e as bonificacións para abaratar as peaxes para usuari@s? ou en que se traducen as melloras da co xestión?”, interpelou Pontón.
O BNG reafirma a súa posición de que a única maneira de acabar coa estafa legalizada das peaxes e ter unha AP9 cun servizo de calidade “é coa transferencia a Galiza, primeiro paso para acabar cos abusos das tarifas e co maltrato da concesionaria aos usuarias e usuarios”, concluíu.
AUDASA facturou en 2016 138 millóns de euros, 380.000 euros diarios en peaxes, e obtivo un beneficio de 45 millóns de euros.