A portavoz nacional, Ana Pontón, fai unha valoración do discurso do presidente da Xunta empezando por replicarlle que si, que o ano remata, unha vez máis, condicionado pola COVID, pero tamén “o ano remata, unha vez máis, coa atención primaria colapsada porque Feixóo non fixo nada por reforzala, cando os e as profesionais sanitarios están exhaustos e precisan algo máis que boas palabras”.
“Lamentablemente acabamos 2021, un ano máis, cos nosos profesionais da sanidade pública ao borde do colapso e un ano máis vemos como a atención primaria está contra as cordas porque non ten máis recursos, senón que ten menos que cando Feixóo chegou ao Goberno, pese á pandemia. E un ano máis, vemos que os problemas cos que empezamos non se solucionan senón que se agudizan”, alegou.
A líder do BNG replica ao presidente da Xunta que o primeiro paso para solucionar os problemas do País é admitir que existen en lugar de negalos, “pero o certo é que seguimos cunha atención primaria colapsada e co persoal ao borde das súas forzas, un ano máis sigue aí a emigración xuvenil, un ano máis seguimos esperando por un novo modelo de residencias que mude un sistema que fai negocio da vellez para dar paso a outro que garanta o dereito a unha vellez digna; un ano máis nada se sabe sobre o destino dos fondos Next Generation, os únicos extraordinarios para saír da crise”, citou a modo de cuestións e retos pendentes.
Con todo, a portavoz nacionalista quixo volve deixar unha mensaxe de optimismo e de esperanza, “porque Galiza é un gran País e porque os galegos e as galegas demostramos que somos capaces de estar a altura e de dar o mellor de nós na adversidade e nas dificultades e esa é a mellor base para poder encarar o 2022 co desexo e coa confianza de que sexa un mellor ano para todos e para todas”, concluíu desde o seu domicilio familiar de Sarria, desde onde volver agradecer todo o enorme esforzo de todos e todas as profesionais que nos coidaron e nos seguen coidando nesta pandemia. FELIZ 2022.