A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou na manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego baixo o lema, "En galego, aquí e agora" onde reprobou a política linguicida do PP, con Rueda á cabeza.
Pontón responsabilizou ao Partido popular de practicar, durante 14 anos, unha política de ataque ao galego pero hoxe, "miles de galegos e galegas dicimos, alto e claro, que non queremos que o Partido popular nos roube a nosa lingua".
Hoxe, Día das Letras galegas, "temos que celebrar que contamos cun idioma propio e alegrarnos de pertencer a unha nación cunha lingua, identidade, historia e cultura".
Hoxe, 17 de maio, recalcou a líder do BNG, é un día para denunciar e reivindicar porque ao longo de 14 anos, temos a un goberno do Partido popular dedicado a "traballar en contra do galego" e de Galiza. Os datos demostran claramente a "política linguicida do PP" cando por primeira vez o galego xa non é a lingua maioritaria de Galiza e o 24% de menores de 14 afirman, non saber falar en galego, ademais constatamos, día a día, como o galego continúa excluído de moitos ámbitos da vida.
Hoxe, reiterou Pontón reivindicamos que as persoas que falamos galego temos dereito a que non nos discriminen no noso País e lembrar a abriga das administracións públicas a defender este dereito.
O PP "terminator" da lingua galega
lamentablemente, afirmou Pontón, o Partido popular converteuse "nun Terminator" para a lingua galega e hoxe comprabamos como miles de galegos e galegas dicimos alto e claro que "non queremos que o Partido popular nos roube a nosa lingua".
A política do PP persiste en roubarlle o dereito ás persoas máis novas a "coñecer e usar a nosa lingua" e dende o BNG, "apostamos por un uso do galego normalizado" e para iso urxe "derrogar a falacia do decreto do plurilinguismo "que resulta "un timo" e busca unha maior presenza do castelán. Precisamos que o galego teña presenza en todas partes e dende o BNG estamos comprometidos para que Galiza teña o seu idioma e a súa identidade como "unha fortaleza".