A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón denunciou que “sen recursos non se pode atender á dependencia polo que reclamou a débeda 186 M€ que o Estado ten contraída con Galiza”. Sobre esta cuestión anunciou que o BNG presentará unha batería de medidas para reclamar o pago da débeda, acadar un financiamento xusto e un investimento contra o limbo no que se atopan 30.000 persoas dependentes que precisan axuda á domicilio, 14.000 transporte adaptado e 12.000 un centro de día.
Por outra parte, tamén esixe que o Estado asuma o 50% dos gastos da Lei de dependencia, reverter os recortes do decreto de 2012, tamén os copagos e incluír na Seguridade Social ás persoas coidadoras familiares, “na súa maior parte mulleres”.
A portavoz nacionalista urxiu do Goberno galego poñer en marcha un plan de construción de residencias públicas e centros de día, e incrementar o persoal para que as axudas podan ser tramitadas en seis meses, “como establece a lei”.
Pontón explicou que Galiza conta cunha poboación moi envellecida e segundo o IGE o número de dependentes “medrou un 25% en 6 anos, superando xa ás 118.000 persoas”.
BALANZO NEGATIVO DO GOBERNO EN DEPENDENCIA
“Feixóo di que o seu goberno funciona ben pero miles de persoas dependentes non teñen ningún tipo de axuda da Xunta,” afirmou Pontón que fixo fincapé en que 10.000 dependentes con dereito a prestación non a están a cobrar ao que sumou “o 50% das persoas dependentes que precisan axuda a domicilio non a reciban e 12.000 persoas seguen a espera para obter unha praza nun centro de día”.
Galiza ten unha poboación moi envellecida, reiterou a portavoz do BNG, “unha de cada catro persoas ten máis de 65 anos. Pero pese ese a este dato, a porcentaxe de solicitudes da axudas vinculadas á Lei de Dependencia está por debaixo da media. É dicir, temos unha porcentaxe moi baixa de persoas beneficiarias”, un 2,07 fronte o 2,61 do Estado.
FEIXÓO MANTÉN UNHA LEI DE DEPENDENCIA “DE SEGUNDA”
Para Pontón, Feixóo aplica unha lei da dependencia “de segunda” cun investimento público por dependente de 5.779 euros en Galiza por persoa cando no Estado a media é de 6.664, é dicir, “885 euros menos”. Pero tamén é de segunda, engadiu por que as novas atencións ofrecidas aos usuarios galegos centráronse en servizos de baixo custo tales como Axuda a Domicilio ou Teleasistencia mentres que en servizos de maior custo como a Atención Residencial, “nin sequera logrou manter a taxa de reposición do ano anterior, pechando o exercicio con 78 prazas residenciais menos”.
“O goberno de Feixóo ten que poñer as pilas e converter á atención á dependencia nunha prioridade política”, e reiterou que o BNG reclamará dende o Parlamento medidas para un financiamento xusto nesta materia porque “o Estado destinou á dependencia en Galiza 84 millóns de euros, cifra moi alonxada dos 186 millóns que lle debe a Galiza e moi lonxe tamén da cifra de 140 millóns de euros que recada vía impostos, - SS, IRPF, IVE-, do sistema de dependencia no noso país”, como recollen os datos da Asociación de directoras e xerentes de servizos sociais, concluíu.