Ana Pontón realiza unha visita institucional ao Concello de Santiago cunha reunión coa alcaldesa Goretti Sanmartín

Goretti Sanmartín e Ana Pontón
Goretti Sanmartín e Ana Pontón

No encontro previsto para este xoves abordaranse cuestións como a situación da vivenda, a taxa turística ou o estatuto de capitalidade

A portavoz nacional inicia en Santiago de Compostela a ronda de visitas que realizará a todos os concellos liderados polo BNG tras o 28M

A portavoz nacional, Ana Pontón, realiza este xoves 21 de setembro unha visita institucional ao concello de Santiago no que manterá un encontro coa alcaldesa Goretti Sanmartín para abordar algunhas das cuestións que máis preocupan na cidade, como a situación da vivenda, a taxa turística ou o desenvolvemento do estatuto de capitalidade.

Con esta cita no Pazo de Raxoi, a líder do BNG arranca a rolda de encontros institucionais que realizará por todos os concellos gobernados pola formación nacionalista como resultado dos comicios locais do 28 de maio. O obxectivo é  coñecer de primeira man as prioridades dos distintos municipios no actual contexto de crise de prezos abrindo o camiño a que podan ser abordados en sede parlamentaria.

Neste sentido, no encontro entre Pontón e Sanmartín, a portavoz nacional ofrecerá á alcaldesa compostelá todo o apoio do BNG para sacar adiante aqueles proxectos que o goberno local considere importantes para a cidadanía, mesmo exercendo presión política desde o Parlamento para darlles solucións. En concreto, asuntos como a carestía da vivenda, tanto por prezo como por escaseza na oferta, que está dificultando e mesmo facendo imposible o acceso a un piso en Santiago.

Unha situación que se explica en parte pola falta de oferta de vivenda de protección, debido a un Goberno do PP que durante catorce anos dinamitou a política social de vivenda, sen poñer a disposición da veciñanza pisos accesibles a prezo taxado, sobre todo en réxime de aluguer e para a xente moza.

Outra cuestión que se analizará na reunión tamén susceptible de ser trasladada ao Parlamento é a taxa turística, tendo en conta que o goberno de Sanmartín xa ten remitido unha proposta de proxecto de lei de implantación desta medida ao Executivo do PP para a súa análise. Igualmente, o estatuto de capitalidade formará parte da axenda de asuntos a tratar entre ambas, en particular ante o feito de que Santiago está infrafinanciada en relación ao custe extra que supón ser a capital de Galiza.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG