Municipais 2023

Ana Pontón: “Ramón Noceda volverá ser o alcalde de Carnota para facer avanzar o concello e convertelo nun referente en Galiza”

Acto Carnota
Acto Carnota

BNG volverá dotar a vila de servizos públicos, actividade económica, social e cultural facendo de Carnota un lugar con calidade de vida

Destaca o modelo municipal de éxito do Bloque capaz de facer que os concellos que goberna avancen no económico, no social e no cultural

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu en Carnota á presentación do candidato do BNG para as próximas eleccións municipais do 28M, Ramón Noceda “Moncho”. Unha persoa que a líder do Bloque cualificou como “un candidato que non precisa presentación, ben coñecido pola veciñanza, que foi durante moito tempo o alcalde de Carnota e que volverá selo a partir do 28 de maio”.

“Moncho volve encabezar a candidatura do BNG porque ama este concello” indicou Pontón, engadindo que “é unha persoa que quere a Carnota, que leva esta vila na cabeza e no corazón e que é capaz de facer que avance”. A portavoz nacional lembroulle á veciñanza como “Moncho xa demostrou como alcalde que é capaz de darlle a Carnota calidade de vida, servizos públicos, actividade económica, social e cultural. Demostrou que é posible ter un concello transparente, onde todos os veciños e veciñas sexan tratadas por igual, un concello de portas abertas, profundamente democrático”.

Acto Carnota
Acto Carnota

Pontón amosou a súa convicción con respecto a que Carnota volverá recuperar o pulso coa candidatura encabezada por Ramón Noceda “Moncho”, formada por homes e mulleres que combinan experiencia e renovación, que saben cales son as necesidades e os problemas da veciñanza e teñen alternativas para solucionalos.

Como exemplo puxo o modelo municipal do BNG, referente dentro e fóra de Galiza. “Trátase dun modelo municipal de éxito, que funciona, transformando en positivo, revitalizando o comercio e o tecido económico local, xestionando con eficacia e mellorando a vida das persoas”, manifestou a líder nacionalista.

“Alí onde gobernamos, construímos concellos dinámicos, no económico, no social, no cultural. Así o fixemos en Carnota durante décadas e así o imos seguir facendo a partir do 28M con Moncho como próximo alcalde”, concluíu.

Vivenda asequible

Pontón salientou o contexto de crise de prezos no que se desenvolve a campaña e criticou a un Goberno do PP “insensible aos problemas da xente, instalado na rutina, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galiza adiante”, de feito, fixo referencia ao último anuncio de Rueda, “dicindo, sen poñerse colorado, que durante catorce anos de goberno deixaron de lado a construción de vivenda protexida porque non sabía que o acceso á vivenda era un problema para a cidadanía”, denunciou.

Por contra, o BNG “ é perfecto coñecedor das dificultades da xente para acceder unha vivenda”, e quixo lembrarse, en especial, “da xente moza que ten traballos precarios e salarios baixos e non pode pagar un aluguer e as familias que ven como os alugueres subiron un 30% de media nas grandes cidades nos últimos anos”, declarou.

Fronte “un PP cruzado de brazos” está unha realidade de 175.000 galegos e galegas “que teñen unha hipoteca e que soportan subidas de 300/400 euros ao mes”, criticou a líder do Bloque, que puxo en valor a un BNG con propostas como o plan de rescate hipotecario pagado pola banca para axudar as familias hipotecadas con menos ingresos, ademais de anunciar que o Bloque “seguirá presentando alternativas viábeis para unha saída galega e xusta a esta crise. Alternativas en clave de país e a favor da maioría social”, argumentou.

Moncho Noceda e Ana Pontón
Moncho Noceda e Ana Pontón

Sanidade pública digna

Tamén fixo referencia a unha sanidade pública que está contra as cordas tras catorce anos de recortes, e fronte a un PP convertido nun “terminator” da sanidade o BNG propón un novo modelo de atención primaria con máis financiamento, persoal suficiente e novos servizos sanitarios nos centros de saúde.

Pontón concluíu a súa intervención subliñando que o BNG será a forza política que máis suba o 28M, “multiplicando a nosa representación ao longo e ancho do País, con más alcaldías, con máis concelleiros e concelleiros,  avanzando no reto de darlle a Galiza un goberno e unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG